O campus polideportivo de Sanxenxo ofrecerá corenta prazas por quincena
Por Redacción
Sanxenxo volve apostar un ano máis pola actividade ao aire libre co XVII Campus Polideportivo. Vive o deporte!.
A actividade está dirixida a nenos de primeiro de Educación Primaria ata cuarto da ESO durante este curso escolar e está dividida en tres quincenas de xullo e agosto. Haberá 40 prazas por quincena (do 5 ao 16 de xullo, do 19 ao 30 de xullo e do 2 ao 13 de agosto). O horario é de mañá de 10 a 13 horas.
O emprazamento das distintas actividades será a contorna da praia de Baltar onde os participantes practicarán piragüismo, natación, actividades acuáticas, salvamento deportivo, xogos na praia e deportes en equipo.
As reservas deberán tramitarse na Casa de Don Fernando coa seguinte documentación: Solicitude, autorización familiar, tarxeta sanitaria do participante ou fotocopia, fotocopia do DNI e fotocopia do Libro de Familia.
En canto ás tarifas, será de 30 euros por quincena e contémplanse dous descontos, un do 100% para familia numerosa especial, e do 50% para familia numerosa. Os nenos que participen no campus deberán levar roupa deportiva e roupa de baño, protección solar, auga, gorra, toalla, chanclas e gorro de piscina.
O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, asegura que é "unha actividade de verán que funciona moi ben coa que fomentamos un hábito saudable como é o deporte e axudamos a conciliar a vida familiar e laboral".