Comeza a veda da centola: queda prohibida a extracción ata o 6 de novembro
Por Redacción
A partir deste sábado 19 de xuño e ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído, queda prohibida a extracción da centola no litoral pontevedrés. A próxima semana, o sábado 26, quedará tamén prohibida a extracción do boi.
O plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2021-2022, publicado este venres no Diario Oficial de Galicia, establece nesta ocasión vedas diferenciadas para as dúas especies e tamén para as distintas zonas de Galicia.
Este ano está prohibido extraer centola nas provincias da Coruña e Pontevedra desde as 00.00 horas do sábado 19 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00.00 horas do sábado 26 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 27 de novembro.
No caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00.00 horas do sábado 28 de agosto ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro.
Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas e levalas a porto.
A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.