A APDR presenta a marcha contra Ence en vésperas da decisión da Audiencia Nacional
Por María José Pita
O domingo 4 de xullo a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) celebrará a súa marcha para reclamar que a factoría de Ence abandone a Ría de Pontevedra.
O pasado ano 2020 foi o único no que se fixo un parón nesta tradición por "prudencia e responsabilidade" ante a situación sanitaria, segundo lembraba Antón Masa, o presidente da APDR, que este venres facía pública a convocatoria en rolda de prensa telemática na compaña da secretaria da Asociación, Antía Mariño.
Os participantes partirán simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra ás 12:00 horas do domingo 4 de xullo e atoparanse ás portas de Ence ao carón da Ría, punto final dos percorridos e onde se concentrarán e se dará lectura a un manifesto.
Previamente, membros da Asociación repartirán folletos polas rúas de Pontevedra coas reivindicacións desta campaña baixo o título "Fóra da Ría xa!". Entre estas demandas, incídese na saúde, o respecto polos recursos naturais ou o cumprimento da normativa que posibilite o traslado inmediato de Ence. Ademais, Antía Mariño manifestaba que a desaparición da fábrica do seu actual emprazamento fomentará un "traballo sostible e compatible co medio ambiente", que é o que defende a APDR.
COA VISTA NO 22 DE XUÑO
A presentación da marcha prodúcese a poucos días de que o martes 22 de xuño a Audiencia Nacional decida o futuro da fábrica pasteira nos terreos que actualmente ocupa en Lourizán, dentro do procedemento xudicial impulsado polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a propia APDR.
Neste sentido, Antón Masa avanza que o martes 22 "entendemos que non se vai saber o fallo, senón que se sentará a sala que lle corresponda da Audiencia Nacional, deliberarán sobre o tema e acordarán redactar un fallo". O resultado, confía o presidente da APDR, non se vai demorar demasiado, dada a transcendencia que ten este asunto, pero en todo caso "non será cuestión de un par de días como algúns anunciaron, máis ben cuestión duns poucos meses".
Desde a APDR confían en que o fallo sexa favorable pero, de non selo, xa avanzan que recorrerán ante instancias superiores.
Relacionadas:
-
A APDR recupera a marcha contra ENCE coa ollada na Audiencia Nacional: "Esiximos que se faga cumprir a lei"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Xunta reitera que a saída de ENCE de Pontevedra "non é unha opción"
Por Redacción |
-
Conta atrás para resolver o futuro de ENCE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Audiencia Nacional resolverá o martes 22 de xuño o futuro de Ence na ría de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A APDR critica que os socialistas cedan "ás esixencias de ENCE" modificando a Lei de Cambio Climático
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR critica os "recursos e esforzos consumidos" por Transición Ecolóxica na mesa sobre o futuro de Ence
Por Redacción |
-
Máis de 2.000 persoas marchan contra Ence coa esperanza de que o peche sexa inmediato
Por Diego Torrado & Anxo Lourido | Creada e actualizada