O Grove quere organizar a súa Festa do Marisco do 30 de setembro ao 12 de outubro
Por Redacción
Tras a obrigada ausencia do pasado ano, provocada pola pandemia da covid-19, O Grove traballa para que a Festa do Marisco regrese este 2021. A intención do goberno municipal é celebrala entre os días 30 de setembro e 12 de outubro.
O alcalde do Grove, José Cacabelos, avanzou que o Concello baralla a posibilidade de que se poida celebrar unha "edición normal" desta festa, debido ao avance do proceso de vacinación e á boa evolución da situación epidemiolóxica.
"Imos arriscar", sinalou o rexedor, que confirmou que "estamos no límite" de poder organizala, pero entende que "debemos tentalo" a pesar das dificultades de comezar a preparar esta cita con tan pouca marxe de tempo.
Os organizadores da Festa do Marisco prevén poder manter as tradicionais degustacións dos produtos do mar que a converteron nun referente gastronómico en toda España, aínda que non descartan ter que realizar algún axuste.
Ademais, O Grove quere organizar tamén as actividades paralelas que se celebran no marco desta cita, especialmente as culturais.
Por agora, explicou Cacabelos, o esforzo municipal centrarase en iniciar toda a tramitación administrativa necesaria para poder sacar adiante a nova edición desta festa, comezando cos pregos necesarios para regular o evento.