Convocan unha concentración para reclamar a reposición do servizo de pediatría en Moraña
Por Redacción
Os grupos políticos da oposición en Moraña, PSdeG-PSOE e BNG, convocan de forma conxunta unha concentración cidadá para o vindeiro luns 28 de xuño para demandar ao Servizo Galego de Saúde que repoña o servizo de pediatría no municipio, pois dende o último concurso de traslados non teñen este especialista no centro de saúde e as familias teñan que acudir ao veciño concello de Caldas.
A concentración está prevista para as 12:30 horas diante do centro de saúde de Moraña e tamén servirá para denunciar "o grave deterioro da calidade na atención primaria que derivan das políticas do PP".
Os representantes do PSOE e o BNG denuncian a "falta de resposta para achegar unha solución efectiva a este servizo" tanto por parte do Sergas como do goberno municipal de Moraña e fan un chamamento a toda a poboación do municipio para acudir e amosar a "desconformidade" da veciñanza coa situación creada e reivindicar unha solución urxente. As consultas da Unidade de Pediatría do Centro de Saúde de Moraña están sendo atendidas como medida provisional no centro de saúde de Caldas.
"É necesario defender os servizos públicos de Moraña que tanto custou conseguilos", indican socialistas e nacionalistas. Engaden que Moraña non pode permanecer pasiva diante do "progresivo deterioro dun servizo de primeirísima necesidade" e que resulta vital en todos os sentidos.
Engaden que sen servizos públicos de calidade, comezando pola saúde, o rural non ten futuro.
Xusto este mesmo martes o Concello de Moraña anunciou que o alcalde, José Cela, reuniuse co xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, "para insistir na necesidade de cubrir a praza o antes posible". Segundo informou o Concello nun comunicado, o responsable sanitario comprometeuse a que a cubrirán "no momento que haxa un facultativo disposto a aceptar a praza".
Así, segundo explican, actualmente hai un problema para cubrir dita vacante pola escaseza de pediatras, debido a que na actualidade existen máis prazas vacantes no Sergas que pediatras. No veciño concello de Cuntis, por exemplo, tamén se atopan na mesma situación e o alcalde xa pediu unha solución días atrás.
Dende o Sergas garantiron ao alcalde que en ningún momento se vai suprimir o servizo de pediatría no municipio e aseguran que a situación que se está a vivir débese ao concurso de traslados realizado en todo o ámbito galego, que provocou que varios centros de saúde quedasen con prazas vacantes, polo que se adxudicará a praza de pediatra de Cuntis e Moraña nun novo proceso en canto se realicen as tramitacións administrativas correspondentes.
En canto se adxudique esta praza, o médico dará cobertura aos pacientes dos dous municipios, atendendo, como se viña facendo ata o de agora todos os días a media xornada en cada un dos dous centros saúde.
Relacionadas:
-
O contido deste cartel orixina unha nova protesta en Moraña contra a falta de persoal no Centro de Saúde
Por Redacción |
-
A ausencia do servizo de pediatría en Cuntis e Moraña chega ao Parlamento galego
Por Redacción |
-
A xerencia da área Sanitaria defende que se manterá a atención pediátrica en Cuntis e Moraña
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña volverán ter pediatra cando o Sergas o atope
Por Redacción |
-
Cuntis volve quedar sen pediatra e pide celeridade ao Sergas para recuperar o servizo
Por Redacción |