Reclaman unha senda peonil e ciclista entre Marín e Moaña
Por Redacción
O PSdeG-PSOE volveu insistir este xoves na necesidade de arranxar a estrada PO-313, que une as localidades de Marín e Moaña. Trátase dunha vella demanda dos socialistas á que agora tamén suman a petición de construción dunha senda peonil e ciclista na vía.
A deputada socialista Leticia Galleg, e a tenente de alcalde de Moaña, Marta Freire, visitaron este xoves esta vía ao seu paso por Moaña e anunciaron unha batería de iniciativas que o PSdeG acaba de presentar no Parlamento de Galicia.
A deputada urxiu á Xunta o arranxo das beirarrúas desta estrada, unha vez que ten un "problema de seguridade e accesibilidade" e precisa, entre outras cuestións, de pasos de peóns que "eviten o efecto barreira" dentro dos barrios, así como medidas que permitan a redución da velocidade, tal e como prescribe o novo regulamento de circulación.
En relación coa senda peonil e ciclista, Gallego lembra que xa está aprobado no Plan de Mobilidade Sustentable Municipal de Moaña, onde se contempla a súa realización "como mínimo" dende o aparcadoiro de Broullón ata a rotonda Porta do Almacén. Lembra que se trata dunha "demanda histórica" que conta co respaldo de varias asociacións veciñais.