A senda entre Bagüín e Seixo estará rematada a comezos de 2022
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar nas obras de construción da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551 no treito entre os lugares de Bagüín e Seixo, no Concello de Marín, co obxectivo de tela rematada a comezos do vindeiro ano 2022.
Con motivo do primeiro mes de traballo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, achegáronse ata as obras para supervisar a marcha desta actuación, que suporá a creación dun novo percorrido para peóns e ciclistas con 940 metros de lonxitude e un investimento de preto de 700.000 euros, tendo en conta as expropiacións.
Segundo explicou o representante autonómico, esta nova senda discorrerá pola marxe dereita da estrada PO-551 e consiste na construción dun itinerario seguro en formigón coloreado que estará 3 centímetros por riba da calzada en todo o tramo agás nun pequeno espazo, de 45 metros de lonxitude, no que se instalará unha estrutura en voadizo. Todo o percorrido contará cunha anchura de alomenos 1,8 metros.
Así mesmo, a actuación completarase coa instalación dun paso de peóns con semáforo con pulsador, xusto nas inmediacións da parada de autobús, co acondicionamento da zona de aparcadoiro e a súa delimitación coas zonas de paso, coa reubicación do emprazamento dos contedores de recollida de lixo e coa mellora do acceso á praia de Aguete.
Respecto á vía de conexión con este areal, está previsto que se proceda á ampliación da plataforma da calzada coa fin de facilitar as manobras de condución, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.
Este itinerario súmase a outros en servizo no concello de Marín, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica PO-551, ou o existente entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313, cun investimento da Xunta de 715.000 euros.
Esta senda de preto de 2 quilómetros, executada pola marxe esquerda da estrada, comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa variante de Marín.
Relacionadas:
-
Marín estrea a nova senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo
Por Redacción |
-
Reclaman unha senda peonil e ciclista entre Marín e Moaña
Por Redacción |
-
A obras para acondicionar as beirarrúas na PO-551 durarán dous meses
Por Redacción |
-
A construción da senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo comezará a mediados de abril
Por Redacción |
-
Trece empresas optan a construír a senda peonil entre Bagüín e Seixo
Por Redacción |
-
Licitan a senda entre Bagüín e Seixo, que incluirá a mellora do acceso á praia de Aguete
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta convoca os afectados polas expropiacións para facer a senda peonil entre Bagüín e Seixo
Por Redacción |