Marín estrea a nova senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo
Por Redacción
Case un quilómetro de lonxitude ten a nova senda da PO-551 entre os lugares de Bagüín e Seixo. Marín estreou este xoves este itinerario, no que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, investiu preto de 700.000 euros.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisaron esta mañá o resultado final desta actuación, que supuxo a creación dun novo percorrido para peóns e ciclistas con 940 metros de lonxitude.
As obras víronse adiadas sobre as previsións iniciais pola necesidade de incorporar unha pasarela para salvar a zona histórica do Pozo da Revolta.
Esta nova senda discorre pola marxe dereita da estrada PO-551 e configúrase como un itinerario seguro en formigón coreado situado tres centímetros por riba da calzada en todo o tramo, agás nun pequeno espazo, de 45 metros de lonxitude, con estrutura en voadizo.
Todo o percorrido conta cunha anchura de cando menos 1,8 metros, un tamaño que garante a accesibilidade, segundo destacaron as autoridades.
A actuación completouse coa instalación dun paso de peóns con semáforo con pulsador, xusto nas inmediacións da parada de autobús, co acondicionamento da zona de aparcadoiro e a súa delimitación coas zonas de paso, coa reubicación do emprazamento dos contedores de recollida de lixo e coa mellora do acceso á praia de Aguete.
Con respecto á vía de conexión con este areal, ampliouse a plataforma da calzada para facilitar as manobras de condución, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.
Este itinerario súmase a outros xa en servizo en Marín, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica PO-551, ou o existente entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313.
Relacionadas:
-
O vial que une Lapamán coa Coviña e Casás pasa a ser de dirección única
Por Redacción |
-
Rematada a senda peonil que fai máis seguro o acceso á praia de Aguete
Por Redacción |
-
A senda entre Bagüín e Seixo estará rematada a comezos de 2022
Por Redacción |
-
A construción da senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo comezará a mediados de abril
Por Redacción |
-
Trece empresas optan a construír a senda peonil entre Bagüín e Seixo
Por Redacción |