Poio investiu preto de 140.000 euros nos centros educativos do municipio durante este curso
Por Redacción
O Concello de Poio investiu durante o recentemente finalizado curso lectivo 2020-2021 preto de 140.000 euros nos diferentes centros educativos do municipio. Así o explica a titular deste departamento municipal, a nacionalista Raquel Rodríguez, que fai balanzo do labor realizado durante unha temporada "atípica" e que, como non podía ser doutro xeito, estivo marcada pola situación sanitaria derivada da Covid-19.
Precisamente, parte destes investimentos foron destinados ao reforzo de tarefas de limpeza e desinfección, unha medida que resultou imprescindible á hora de garantir a seguridade do alumnado e do persoal docente.
Ademais, Rodríguez Alonso lembra que neste curso o Concello tamén incrementou as cotas da achega municipal. Un bo exemplo é o caso dos comedores escolares. A Administración municipal pasou de achegar os 0,75 euros por usuario que se viñan destinando ata 2020 a ampliar esta cantidade, pasando a 1,50 por neno.
A concelleira de Educación confirma que o vindeiro curso se seguirá a manter este aumento da cota dos comedores.
Por outra banda, parte dos investimentos realizados nos centros educativos tamén serviron para levar a cabo tarefas de mantemento necesarias e para a organización de iniciativas e actividades para o alumnado.
Agora, como vén sendo habitual, o Concello aproveitará a chegada do verán para pasar revista aos colexios e levar a cabo traballos de mantemento e reparación que sexan necesarios. Neste sentido, a concelleira do Goberno municipal lembra que "temos solicitada unha reunión coa Xefatura Territorial de Educación, para que nos informen sobre actuacións de relevancia pendentes no ámbito escolar de Poio, pero aínda non recibimos resposta, a pesares de que enviamos a solicitude en dúas ocasións".
Entre as obras pendentes por parte da Administración autonómica atópase a dotación dun sistema de illamento térmico no CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador. "É unha obra que debe asumir a Xunta, como titular das competencias de Educación", lembra Raquel Rodríguez.