"Salto cualitativo" para Tomeza co parque de Casal do Río e o centro social de Lusquiños
Por Alejandro Espiño
Tomeza vén de experimentar, segundo o alcalde de Pontevedra, un "salto cualitativo" na calidade de vida da súa veciñanza coa recepción de dúas obras financiadas polos fondos europeos nas que se investiron algo máis de 466.000 euros.
Trátase dos traballos para formar un núcleo de centralidade parroquial en torno á creación dun parque con pistas deportivas, área infantil e merendeiro en Casal do Río, a mellora de todo o ámbito do centro social de Lusquiños e a senda peonil que conecta ambas zonas.
Durante a súa visita a Tomeza, Fernández Lores manifestou a súa satisfacción polo resultado e asegurou que "quedou un espazo de uso comunitario perfecto".
Este tipo de actuacións, engadiu o alcalde, "son unha forma de trasladar todos os estándares de calidade da cidade aos barrios e ás parroquias" de todo o municipio.
Con respecto ao parque de Casal do Río, quedou totalmente renovado cunha área deportiva con porterías e canastras, cun parque infantil e unha zona de lecer arborada con merendeiro na que se instalaron mesas e bancos para a veciñanza.
Ademais, instalouse un peche para toda a área, renovouse a iluminación con proxectores para as pistas e morróns baixos na zona de lecer e na entrada exterior sinalizouse un estacionamento e a parada de autobús, limitando un espazo para aparcar o bus escolar.
Na contorna do centro social de Lusquiños, actuouse na entrada do edificio mellorando a accesibilidade e mellorouse parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalaron varias grellas e un novo espazo infantil.
Ambas áreas están conectadas por unha senda peonil, fomentando a mobilidade peonil e o desprazamento entre os dous lugares.
Ambos os dous espazos serán entregados formalmente á veciñanza nun acto que se celebrará este venres no parque de Casal do Río, a partir das 18:30 horas, e que contará con música, merenda e xogos en equipo para público familiar.
Tamén está previsto que, atendendo aos requirimentos de difusión e publicidade dos proxectos realizados con fondos FEDER, todos os domicilios da parroquia reciban un lote de material promocional composto por bolsa, caderno, lapis, bolígrafos e paraugas.
Relacionadas:
-
Pontevedra espera que a boa xestión dos proxectos EDUSI sirva de aval para captar máis fondos europeos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Una senda peonil unirá os núcleos de centralidade de Casal do Río e Lusquiños
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O mal tempo adía tres meses o remate das obras do núcleo de centralidade de Tomeza
Por Oskar Viéitez |