Críticas ao Sergas da CIG por trasladar a Sanxenxo unha ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés
Por Redacción
A FGAMT-CIG de Pontevedra denuncia publicamente que desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) decidiron trasladar unha ambulancia medicalizada, de soporte vital avanzado (SVA), para atender o centro de Sanxenxo e Portonovo cando a base se atopa no Hospital do Salnés.
Con esta decisión, o Sergas quere cubrir as incidencias que se produzan derivadas do aumento de poboación durante o verán no municipio de Sanxenxo. Pero a medida é criticada polo sindicato nacionalista, a través do secretario comarcal da FGAMT-CIG, Xavier Aboi, ao entender que se empeora a asistencia sanitaria das persoas residentes na comarca do Salnés, sobre todo nos casos en que se produzan urxencias graves.
O vehículo de emerxencias iniciaba a súa actividade no Centro de Saúde de Silgar este xoves 1 de xullo desde as 09.00 horas. O Sergas para cubrir a ausencia dotou ao Hospital do Salnés dunha ambulancia de soporte vital básico (SVB), cun horario de só 12 horas ao día.
O sindicato sinala que ata hai dous anos asignaban unha ambulancia medicalizada máis para a zona de Sanxenxo coa intención de cubrir ese aumento de poboación que se rexistra durante o verán. Lembra tamén que, tras unha reclamación histórica, no novo concurso de ambulancias dotaron ao Hospital do Salnés cunha ambulancia medicalizada de baixo custo, con menos persoal pero que, segundo Aboi, cobre os servizos da comarca como fan as SVA noutras zonas.
Segundo denuncian, a medida do traslado da SVA a Sanxenxo só responde a que o Sergas pretende aforrar diñeiro evitando a posta en marcha doutro vehículo SVA. Como consecuencia afirman que se incrementa notablemente o tiemp de resposta ante incidencias que se poidan producir noutros puntos. Sinalan que a maioría das veces, a ambulancia non se activa para as zonas de Vilagarcía de Arousa, Vilanova, Caldas, Meis, A Illa de Arousa, Cambados ou Catoira.
Aboi asegura que o tempo medio dun servizo desde o Hospital do Salnés ata Vilagarcía é de 8 minutos, pero desde Sanxenxo se aplía a 30 minutos; na Illa pásase de 16 a 35 minutos e para achegarse a Caldas ou a Catoira pásase de menos dun cuarto de hora a preto de 50 minutos.
Advirten de que a decisión prexudicará á calidade asistencial para os residentes e turistas do Salnés. "Non estamos en contra de que Sanxenxo e Portonovo teñan unha ambulancia medicalizada en época estival, o que rexeitamos é que se lles saque ao Salnés para poñela aos turistas VIP", laméntase Xavier Aboi.