A Garda Civil activa as Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino
Por Oskar Viéitez
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou este xoves en Caldas de Reis as Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil que comezan a funcionar hoxe en Galicia nas diferentes rutas a Compostela.
Son equipos formados por tres axentes, itinerantes e con horario flexible, co obxectivo de estar máis próximos ao peregrino.
José Miñones dixo que esta iniciativa certifica o compromiso da Garda Civil coa seguridade dos peregrinos que percorren as diferentes rutas a Santiago durante este Xacobeo, "renovando a súa condición de Gardián do Camiño".
O delegado do Goberno estivo acompañado neste acto polo alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o xefe accidental da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, tenente coronel Manuel Touceda.
José Miñones apuntou que a promoción turística, a recuperación do patrimonio e a seguridade son as tres vertentes sobre as que o Goberno desprega o seu apoio á celebración do Xacobeo.
No que respecta á seguridade, a Garda Civil é competente na protección dos Camiños e dos seus usuarios. Neste ano, no que se prevé unha recuperación dos visitantes respecto ao pasado, a Garda Civil redobra esforzos para atender este servizo: ata 1.500 axentes en Galicia de diferentes especialidades e coa incorporación, como novidade, de tres Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino e outra fóra da Comunidade.
No ano 2020, a pesares da pandemia e das restricións, "a Garda Civil efectuou 26.800 intervencións no Camiño de Santiago, 19 auxilios e 27 rescates de montaña".
Relacionadas:
-
Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’
Por Redacción |
-
Scouts de sete países farán escala en Portas camiño de Santiago
Por Redacción |
-
O verán e a fin das restricións permite a reactivación do Camiño
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
75 peregrinos participan na etapa entre Ponte de Lima e Rubiães
Por Redacción |