Impulso de 250.000 euros para dinamizar a vida cultural de 42 concellos
Por Redacción
A Deputación Pontevedra aprobou a concesión da liña de subvencións destinadas ao fomento de actividades culturais, que este ano beneficiarán a 144 entidades de 42 concellos da provincia cun investimento de 250.000 euros.
En total, a concesión de axudas aprobada polo goberno da Deputación beneficia a 17 entidades máis que o pasado ano.
Estas achegas servirán para contribuír a difundir, manter e recuperar a cultura e tradicións da provincia, poñendo en valor o patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas, ben sexan costumes, tradicións, etnografía, crenzas ou mitos. Tamén para desenvolver festivais, mostras, encontros e certames culturais, así como certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada ou para intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical fóra de Galicia.
Na comarca de Pontevedra (Pontevedra, Ponte Caldelas, Poio, A Lama, Marín e Vilaboa), 17 entidades beneficiaranse de 32.000 euros para percorridos polo Río da Vida de Manuel Moldes, roteiros de traxes tradicionais, proxectos etnográficos, exposicións, festivais musicais, feiras de educación e formación, encontros relacionados co camiño de Santiago, feiras de artesanía, xornadas de coeducación, recuperacións de roteiros, xornadas de homenaxe ás mulleres e homes do mar e festivais artísticos.
As comarcas do Salnés e Caldas, con 18 entidades beneficiadas de Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Cuntis, Moraña, Valga, A Illa de Arousa, Meaño e Portas, recibirán máis de 38.000 euros para poñer en marcha festivais musicais e de bandas de música, semanas de cine, encontros folk, festivais de recuperación dos muíños, actividades de Nadal, contos mariñeiros , magostos, ciclos de música antiga, xornadas e actos culturais, xornadas de historia, actividades de malabares, festexos temáticos, intercambios culturais, representar unha aldea galega ou a feira da muller rural.
Na comarca do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña), 19 entidades recibirán 24.000 € para xornadas de cinema, enxalzar as alfombras florais como manifestacións de arte efémera, para certames de música e festivais musicais e folclóricos, xornadas sobre o patrimonio galaico-portugués, exposicións filatélicas, concertos e xornadas de exaltación da arte galega, mostras etnográficas, feiras tradicionais de artesanía e galas conmemorativas.