Vilaboa agradece a "forza, enteireza e compromiso" dos centros educativos fronte á covid-19
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, César Poza, amosa o seu agradecemento de xeito especial ás directoras dos centros educativos do municipio, "pola súa forza, pola súa enteireza e polo seu compromiso con Vilaboa" durante o último curso académico en relación coa prevención da covid-19, pois amósase convencido de que "sen el, posiblemente tiveramos rexistrado máis contaxios no noso municipio”.
Este agradecemento realizouno Poza con motivo do balance do traballo da Comisión de Seguimento da covid-19 de Vilaboa, constituída en novembro do 2020 a proposta do BNG. O Concello de Vilaboa agradeceu publicamente o traballo de todos os seus integrantes, "xa que permitiu afrontar o peor da pandemia de xeito coordinado e cunha plena involucración de grupos municipais e institucións na loita contra o virus".
Ademáis dos tres grupos con representación municipal na Corporación de Vilaboa (PSOE, BNG e PP), na Comisión de Seguimento están representados os colexios de Riomaior e Toural, o CRA de Vilaboa, a Escola de Música e a escola infantil A Galiña Azul, contando en momentos puntuais coa incorporación de representantes do Sergas, dos Servizos Sociais municipais e da residencia Nova Vida.
Nas reunións mensuais que mantén desde novembro analizouse a situación sanitaria en cada unha das súas fases e tamén as consecuencias sociais que a pandemia estaba a ter entre a veciñanza.
Segundo César Poza, o intercambio de información foi clave para que evitar que as consecuencias foran maiores. "Creouse un grupo de traballo unido no que se compartiron todo tipo de iniciativas e inquedanzas que facilitou afrontar o peor da pandemia dun xeito formidable", sinalou.