En marcha a renovación integral do parque infantil de Valentín García Escudero
Por Redacción
A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha os traballos de renovación integral do parque infantil da praza de Valentín García Escudero, nas inmediacións da ponte do Burgo.
O proxecto, no que departamento que dirixe o socialista Iván Puentes investirá máis de 12.000 euros, inclúe unha completa reparación dos elementos de xogo que conforman a peculiar estrutura en forma de barco desta área de lecer, substituíndo as pezas deterioradas ou en mal estado, así como as cordas, parafusos e ancoraxes.
As obras, que están a ser executadas polos operarios da firma especializada Garocaprim SL, tamén contemplan o tratamento de tódalas pezas de madeira mediante verniz e pintado, e a restauración do pavimento de caucho cunha importante achega de material e recrecido para garantir unhas condicións óptimas de amortecemento, cumprindo así coas pautas de seguridade establecidas na normativa europea e autonómica.
Asemade, o parque infantil de García Escudero está cercado perimetralmente por un valado metálico de cor verde que se atopa oxidado e mesmo corroído na súa base en varios puntos, polo que, aproveitando estas actuacións, que estarán rematadas en dúas ou tres semanas, "tamén o imos substituír na súa totalidade por un valo de madeira", subliñou o edil do PSOE.
Iván Puentes lembrou que este proxecto, como o resto das reformas que o servizo de Parques e Xardíns está a coordinar en tódolos espazos de lecer infantil da cidade, segue as directrices e recomendacións establecidas mediante unha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos parques.
Relacionadas:
-
Reformado o parque infantil de Valentín García Escudero cun investimento de 12.000 euros
Por Redacción |
-
Lavado de cara para o Campiño de Santa María e a praza de Valentín García Escudero
Por Redacción |
-
O parque de Pasarón terá canchas polideportivas, unha zona de calistenia e área para cans
Por Redacción |
-
A renovación do parque infantil da pasarela permitirá ampliar a zona de xogos
Por Redacción |
-
Unha nova pista polideportiva e a apertura dos jardíns da UNED, 'guinda' á reforma da Praza de Europa
Por Redacción |
-
Nova vida ao parque infantil de 8 de Marzo: reabre un mes despois restaurado e máis seguro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Posta a punto do parque infantil de Barcelos
Por Redacción |