O parque de Pasarón terá canchas polideportivas, unha zona de calistenia e área para cans
Por Redacción
O goberno municipal xa ten listo o proxecto para a reforma do parque da rúa Luis Otero, no ámbito de Pasarón. Será, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, unha área "espectacular" que englobará zonas para todas as idades.
Así, a actuación contempla a dotación dun novo parque infantil con diferentes áreas de xogo, a instalacións de dúas canchas polideportivas e a ampliación de toda a superficie cara unha parcela lindeira situada entre a rúa Joaquín González e a avenida de Compostela.
Nesta zona, segundo consta no proxecto, habilitarase unha zona para a práctica de calistenia e un espazo específico valado perimetralmente para que os cans poidan estar soltos, que contará cunha fonte para os animais e bancos de madeira para os seus donos.
Ademais, tamén se contempla a mellora da integración do estanque na súa contorna, abríndoo polo norte, desmontando parte do dique existente, que actúa actualmente como unha barreira, e xerando dúas zonas de estancia nas beiras da auga.
As obras prevén a mellora da iluminación mediante luminarias LED, a instalación de rego automático nos xardíns ou a conexión coa contorna, facilitando o enlace cos diferentes espazos do barrio mediante camiños de acceso adaptados.
O Concello pretende executar esta actuación este mesmo ano, xa que o seu orzamento -uns 400.000 euros- foi incluído na última modificación de crédito aprobada.
O edil socialista explica que neste parque existía unha "necesidade palpable" de novas zonas de xogo y de áreas deportivas delimitadas para unha "mellor convivencia" con tránsito peonil nas beirarrúas que rodean a este equipamento.
Relacionadas:
-
A reforma do parque de Pasarón renderá tributo ao Pontevedra CF
Por Redacción |
-
En marcha a renovación integral do parque infantil de Valentín García Escudero
Por Redacción |
-
Vencellar a reforma do parque de Pasarón á historia do Pontevedra C.F., unha das 100 aportacións veciñais a este proxecto
Por Redacción |
-
O Concello investirá 200.000 euros nun parque 'á carta' para os veciños de Pasarón
Por Redacción |