Portas incorpora 72 novos contedores para a mellora da recollida selectiva de lixo
Por Redacción
O Concello de Portas vén de recibir unha remesa de 72 contedores verdes e amarelos para a recollida selectiva de lixo.
Esta última adquisición feita polo consistorio supón un investimento duns 12.000 euros e permitirá reforzar o sistema de retirada e posterior tratamento para os residuos sólidos urbanos que se producen en todo o municipio.
Este acopio de material permitirá substituír os contedores que presentan graves danos ocasionados polo uso continuado, pero tamén aqueles que son vítimas do vandalismo.
Tamén se aproveitará esta remesa de 72 novos contedores para reforzar a presenza da recollida selectiva de residuos sólidos urbanos en todo o municipio, pero especialmente naquelas zonas onde en épocas estivais se detecta unha maior actividade.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, lembra á veciñanza a importancia que ten a colaboración cidadá na recollida, separación e aposta pola reciclaxe para mellorar este servizo.
Martínez sinalou que "aínda que hai unha importante concienciación social sobre a necesidade de reducir os nosos residuos, tamén é certo que estamos notando que a xente cada vez é máis consciente da obrigación de separar o lixo e favorecer os procesos de tratamento e reciclaxe".
Ricardo Martínez anunciou que nos vindeiros días emprenderase o proceso de reforzo do servizo de recollida con estes novos contedores, unha vez sexan rotulados para identificar a propiedade do Concello de Portas.