Vilagarcía, Ponte Caldelas, Vilaboa e Bueu humanizarán viais en mal estado a través do Plan Concellos
Por Redacción
600.715 euros destina o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a Vilagarcía de Arousa para que aborde a renovación e humanización da Rúa Sobrán.
Segundo indicou a presidenta provincial Carmela Silva se trata dunha actuación moi reclamada pola veciñanza e o proxecto contempla crear unha plataforma única con prioridade para peóns fronte á circulación en vehículos.
Tamén se renovarán as redes de servizos municipais e o soterramento das redes de baixa tensión, telecomunicacións e iluminación.
Pola súa banda, Bueu recibirá unha cantidade de 115.247 procedente da institución provincial para rehabilitar o firme da rúa do alcalde Johan Carballeira, no tramo que discorre entre a PO-315 e a Rúa de Montero Ríos. O estado desta calzada non é óptimo, segundo a Deputación, e está prevista a instalación de semáforos da PO-315 con Johan Carballeira.
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou dentro da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos unha axuda de 144.972, que se destinará á mellora da seguridade nos viais do núcleo de Vilarchán no municipio de Ponte Caldelas. Renovarase a capa de rodadura e a sinalización viaria, ademais de mellorar a seguridade desta zona.
Pola súa banda, Vilaboa recibirá dúas achegas, unha de 76.407 euros para poñer en valor o Camiño Interior de Santradán, en Santo Adrián de Cobres. Estas obras centraranse na pavimentación, instalación dun novo sistema de recollida de augas para favorecer a drenaxe e tamén se instalará iluminación con dispositivos led.
A segunda cantidade será de 83.256 euros para mellorar o Camiño do Toural ao Picho. Neste caso, está previsto instalar elementos de acougado de tráfico, renovar a sinalización, mellorar a drenaxe de pluviais e tamén revisar o firme da calzada.
Todas estas obras inclúense nestas novas entregas da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2021 cun importe de 2,2 millóns de euros, que se reparten entre doce concellos de toda a provincia, ademais dos catro citados tamén se benefician Agolada, Baiona, Cangas, Forcarei, O Porriño, Salceda, Tomiño e Vila de Cruces.
Carmela Silva sinalou que estes recursos permiten que a cidadanía viva onde decide contando cos mellores servizos e dereitos.