Louzán apostará en 2014 por investir máis nas persoas malia que supoña unha reducción en infraestruturas
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mostrouse satisfeito polo éxito dos premios á Cultura 2012, Investigación 2012 do Certame Novos Valores de Artes Plásticas. "Onte se comprobou o éxito. Algúns dos gañadores non puideron vir porque están estudando en Estados Unidos ou en Berlín", indicou Louzán que destacou que a provincia é berce de persoas de talento no ámbito artístico como Laxeiro ou Leiro e tamén no ámbito da investigación. Por este motivo, o presidente provincial reiterou que se ampliará un 100% a dotación destes premios e bolsas para o próximo ano e engadiu: "O próximo ano, que será difícil, faremos menos infraestruturas se fose necesario pero si máis inversións nas persoas".
En relación coas infraestruturas deportivas, a xunta de goberno da Deputación aprobou un convenio co concello de Barro para poñer en marcha a primeira construción dun campo de fútbol de herba artificial en San Antoniño demandado polo alcalde e polos clubs deportivos. Aproveitarase un terreo de xogo xa existente e investiranse 444.000 euros.
Por outra parte, o presidente da Deputación gabou o traballo realizado polas oficinas de consumo e de axudas aos afectados polas preferentes da entidade provincial. Indicou que están a ser utilizadas por numerosos cidadáns para obter consellos, non xa só polos casos das preferentes senón tamén polos problemas con "diversas empresas como Unión Fenosa ou Telefónica".
ASAMBLEA DA FEGAMP
Louzán tamén se referiu á asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que se celebrará este venres para establecer unha posición común ante a reforma local que pretende aprobar o Goberno. Nesa reunión, a Deputación estará representada polo vicepresidente Xosé Crespo e Rafael Louzán sinalou que "entendemos que hai Comunidades como Galicia nas que hai que ver as súas particularidades. O vicepresidente vai trasladar que a reforma debe ser sensible ante as peculiaridades de Galicia".