Pontevedra achégase ao seu récord de casos de covid-19 tras volver confirmar 81 positivos nun día
Por Natalia Puga
O comité clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia analiza na súa reunión da tarde deste martes a evolución da covid-19 e decide se aplica cambios nos niveis de restricións de toda Galicia ante a expansión da covid-19. A decisión dos especialistas non se coñecerá ata este mércores e previsiblemente as medidas entrarán en vigor a medianoite do sábado.
Mentres tanto, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés atópanse esta semana en nivel medio Sanxenxo, Poio, Marín, Pontevedra e Caldas de Reis e en nivel alto A Illa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova.
A conxunto da área sanitaria vive unha tendencia á alza do número de casos e este martes superou a barreira dos 2.000. En total, son 2.101, 222 máis que o luns, tras detectarse na última xornada 263 novos positivos.
Deles, o que ten máis casos activos de covid-19 confirmados é Pontevedra, tamén o de maior número de poboación. Este martes hai 597, 81 máis que o luns e moi preto do récord de positivos ao mesmo tempo rexistrado durante a pandemia, 616 casos detectados o pasado 5 de febreiro.
O segundo municipio con máis número de casos é Sanxenxo, con 285 este martes, o que implica 36 casos máis en tan só unha xornada.
Tres deses novos positivos detectáronse, segundo a información oficial facilitada polo Concello de Sanxenxo, no servizo de socorristas. A súa confirmación obriga a baixar, de novo, as dúas bandeiras azuis das praias de Area de Agra e Areas Gordas.
En total hai 4 praias sen salvamento, pois A Lanzada e A Lapa xa levan desde a semana pasada. O Concello traballa para repoñelos "canto antes".
En Poio son 162, o que implica que este martes hai once casos máis que o luns.
En Marín, e número de casos alcanza os 141, 14 máis que o día anterior.
Nos municipios en nivel máximo tamén segue crecendo o número de casos, sendo Vilagarcía a de máis cantidade de pacientes diagnosticados.
En Vilagarcía de Arousa os casos activos este martes son 230, nove máis que o luns.
Na Illa de Arousa hai 36, un máis que este luns.
En Vilanova de Arousa hai 74 casos activos tras detectarse sete novos positivos na última xornada.
En Cambados, o Concello reportou este martes 151 casos activos, nove máis que o luns.
Relacionadas:
-
O Plan Concilia de Sanxenxo confina a 16 menores polo positivo dunha monitora
Por Redacción |
-
Detectan catro positivos entre 762 mozos na primeira xornada de autocita para cribados en Fexdega
Por Redacción |
-
A tendencia á alza nos ingresos por covid mantense na área sanitaria con 24 hospitalizados
Por Diego Espiño |
-
A pandemia segue sen control e deixa en Pontevedra a cifra de positivos máis alta en cinco meses
Por Natalia Puga |