Aprobado o proxecto de seguridade viaria e peonil na parroquia de Santo André de Xeve
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicaba este luns 26 a aprobación dos expedientes de información pública e dos proxectos de execución deseñados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora da mobilidade e seguridade dos veciños e dos escolares de Santo André de Xeve.
Trátase dos dous proxectos que se levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224, ao seu paso por esta parroquia pontevedresa. O Consello da Xunta aprobou este mes de xullo os respectivos decretos de utilidade pública dos terreos afectados polas actuacións. Desa forma, no segundo semestre do ano está previsto o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos e a licitación das obras.
SENDA PEONIL E CICLISTA
Dunha banda, a Xunta prevé executar unha senda para peóns e ciclistas non deportivos na estrada autonómica PO-223, entre os núcleos do Couso e O Sobral, que suporá un investimento de case 1,2 millóns de euros.
O novo itinerario, de 2 quilómetros de lonxitude, configurará un percorrido continuo no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, unindo así os citados núcleos, e atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve. A senda terá un ancho mínimo de 1,80 metros e contará con bordo delimitador, resultando un ancho transitable de máis de 2 metros.
A actuación completarase con modificacións puntuais do trazado da estrada, entre os puntos quilométricos 3+650 e 4+600, para xerar espazo na súa marxe dereita e poder encaixar a senda.Tamén se intervirá na mellora das principais interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración.
Ademais, melloraranse as paradas de autobús dos puntos quilométricos 3+850 e 5+300 e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro.
MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA
Este proxecto compleméntase coa actuación de mellora da seguridade da estrada autonómica PO-224, en Santo André de Xeve, na contorna da intersección coa PO-223. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria na estrada PO-224, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+440 e 2+830 e na intersección coa PO-224, onde se sitúa o centro escolar CEIP Santo André de Xeve.
Actuarase na mellora da actual intersección en cruz entre as estradas autonómicas PO-223 e PO-224, con regulación con semáforos e unha glorieta que fomente a diminución da velocidade na zona. Prevese, ademais, habilitar un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio Santo André de Xeve.
Tamén se procederá á reordenación e ampliación de zonas de aparcadoiro na contorna do CEIP, que disporá de 27 prazas en batería, ampliarase a zona de aparcadoiro de buses actual e incorporaranse 18 prazas para profesores e empregados do centro educativo.
Na zona frontal do CEIP, habilitarase un carril exprés, o coñecido como "kiss and ride" existente nos aeroportos, que estará deseñado para que os alumnos baixen do coche e poidan acceder ao centro de xeito seguro.
As actuacións proxectadas neste proxecto están recollidas na colaboración asinada entre a Xunta e Stop Accidentes para a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP de Santo André de Xeve.
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio de Xeve presenta á conselleira os seus deseños para decorar a nova rotonda
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O DOG publica a relación de afectados pola nova glorieta en Santo André de Xeve
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta publica o decreto expropiatorio de 31 fincas para a construción dunha senda en Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
A nova senda pola PO-223 en Xeve será licitada antes de final de ano
Por Redacción |