O alumnado do colexio de Xeve presenta á conselleira os seus deseños para decorar a nova rotonda
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitaron este mércores o colexio de Santo André de Xeve, coincidindo coa publicación da licitación por importe de 2 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224, que transformarán a mobilidade nesta parroquia.
Tamén estiveron presentes no acto a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard e a directora do CEIP de Santo André de Xeve, Carmen Gil, xunto a Ángela, Imanol e Ainara, tres alumnos deste centro que informaron á conselleira dos deseños que fixo o alumnado para decorar a nova rotonda, unha proposta que sorprendeu a Ethel Vázquez que recoñeceu que "nos decoradores non somos".
A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 18 de maio para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.
Segundo adiantou a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses. Explicou que xa se está a avanzar no proceso expropiatorio das 46 fincas afectadas: en marzo convocáronse as actas previas e no mes de xuño están previstas as actas de ocupación.
A reforma proxectada inclúe un conxunto de actuacións integrais, "ambiciosas e transformadoras " para favorecer unha "contorna escolar segura " que suman un investimento global de máis de 2,2 millóns de euros, ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sostible.
Ethel Vázquez insistiu en que as intervencións son "froito do diálogo" mantido coa dirección do centro educativo, coa implicación dos propios alumnos do centro, e enmárcanse na colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con STOP Accidentes a prol da seguridade nas vías autonómicas.
A actuación pretenden enlazar dun xeito máis seguro e sostible os núcleos do Couso e Sobral, ao tempo que se favorece a conexión do polígono empresarial e do colexio. Así, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros. Tamén se levarán a cabo melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración que faciliten as incorporacións.
Ademáis, nesa contorna melloraranse as paradas de autobús en ambas as marxes e executarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas.
Estas intervencións na PO-223 completaranse coas que previstas na PO-224, na intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o CEIP.
Precisamente na intersección onde se produce o cruzamento de ambas as vías, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade.
Tamén se habilitará unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Serán 400 metros de itinerario desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do novo aparcadoiro do centro educativo.
Reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas de aparcadoiro en batería a ambos os lados, nunha parcela propiedade da Comunidade de Montes en Mancomún de Santa María de Xeve. Tamén se ampliará a zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando 18 prazas para mestres e empregados do CEIP. Deste xeito, tal e como dixo a conselleira, ademais de conseguir unha notable mellora na zona de manobras tamén se dotarán 4 prazas para o estacionamento de autobuses.
Ethel Vázquez apuntou, tamén, unha intervención moi importante para a seguridade dos cativos: a execución dun carril exprés na fronte do colexio, un ‘Bico e vaite’ que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro. Tamén se reubicarán e mellorarán as paradas de autobús, reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.
No marco destas actuacións instalaranse seis marquesiñas para facilitarlle aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que se renova.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción por esta "boa nova" e a presidenta da asociación STOP Accidentes Galicia, Jeanne Picard; sinalou a "sensibilidad mostrada por la Xunta en este caso", xa que "es una zona que requería de una intervención urgente en este sentido".
Relacionadas:
-
A reforma viaria prevista na contorna do CEIP de Santo André de Xeve acabará no verán de 2024
Por Anxo Lourido |
-
A humanización das estradas PO-223 e PO-224 arrancará a comezos do outono
Por Redacción |
-
Lores pon deberes a Ethel Vázquez: a mellora da estrada de Campo Lameiro ao seu paso por Lérez
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As obras de mellora da seguridade viaria na zona do colexio de Xeve, a finais do verán
Por Redacción |
-
O DOG publica a relación de afectados pola nova glorieta en Santo André de Xeve
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta publica o decreto expropiatorio de 31 fincas para a construción dunha senda en Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de seguridade viaria e peonil na parroquia de Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
A nova senda pola PO-223 en Xeve será licitada antes de final de ano
Por Redacción |