A humanización das estradas PO-223 e PO-224 arrancará a comezos do outono
Por Redacción
A comezos do outono, tras rematar o proceso expropiatorio das 46 leiras necesarias, comezarán as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil nas estradas PO-223 e PO-224, ao seu paso pola parroquia de Santo André de Xeve.
Esa é a previsión que fai a Xunta de Galicia, que vén de adxudicar a execución destes traballos á empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos por 1,86 millóns de euros.
Os traballos contan cun prazo de execución de dezaoito meses.
A intervención en ambas estradas comprende un conxunto de actuacións "integrais, ambiciosas e transformadoras", segundo destaca o departamento de Infraestruturas e Mobilidade, para favorecer unha contorna escolar segura.
Con estes traballos, búscase enlazar dun xeito máis seguro e sustentable os núcleos do Couso e Sobral, ao tempo que se favorece a conexión dos principais equipamentos e focos de atracción da zona, como son o polígono empresarial, o colexio público e a propia parroquia de Xeve.
Para iso, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 quilómetros de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros.
Tamén se levarán a cabo melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía, e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración que faciliten as incorporacións.
Máis en detalle, nesa contorna melloraranse as paradas de autobús en ambas as marxes e executarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro.
Estas intervencións na PO-223 completaranse coas xa previstas na PO-224, na intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o colexio.
Precisamente na intersección onde se produce o cruzamento de ambas as vías, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade.
Tamén se construirá unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Serán 400 metros de itinerario desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do novo aparcadoiro do centro educativo.
Reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas de aparcadoiro en batería a ambos os lados, nunha parcela propiedade da comunidade de montes de Santa María de Xeve.
Ampliarase ademais a zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando dezaoito prazas para mestres e empregados do colexio. Deste xeito, conséguese unha notable mellora na zona de manobras e tamén se dotarán catro prazas para o estacionamento de autobuses.
Destaca nesta obra, ademais, unha intervención moi importante para a seguridade dos cativos: a execución dun carril express na fronte do colexio, que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro. Tamén se reubicarán e mellorarán as paradas de autobús, reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.
No marco destas actuacións instalaranse seis marquesiñas para facilitarlle aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que se renova.
Relacionadas:
-
O saneamento de Santo André de Xeve chegará a 107 novas vivendas
Por Alejandro Espiño |
-
Inicio inminente da construción dunha senda peonil na PO-223 na Xesteira, en Cotobade
Por Redacción |
-
As obras de mellora da seguridade viaria na zona do colexio de Xeve, a finais do verán
Por Redacción |
-
O alumnado do colexio de Xeve presenta á conselleira os seus deseños para decorar a nova rotonda
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |