A Xunta publica o decreto expropiatorio de 31 fincas para a construción dunha senda en Santo André de Xeve
Por Redacción
A Xunta publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto expropiatorio para a construción dunha nova senda na estrada PO-223 entre O Couso e O Sobral, no concello de Pontevedra.
O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación rolda os 1,2 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 31 predios necesarios para a súa execución. Estas obras contan con financiamento de fondos europeos Feder.
A senda, de 2 quilómetros, configurará un percorrido continuo entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve.
O proxecto inclúe modificacións do trazado da estrada e a mellora de interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración. Melloraranse as paradas de autobús e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro.
A Xunta prevé desenvolver estas obras de xeito coordinado co proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, onde se sitúa o colexio, precisamente na contorna da intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade autonómica.
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio de Xeve presenta á conselleira os seus deseños para decorar a nova rotonda
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O DOG publica a relación de afectados pola nova glorieta en Santo André de Xeve
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobado o proxecto de seguridade viaria e peonil na parroquia de Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
A nova senda pola PO-223 en Xeve será licitada antes de final de ano
Por Redacción |