A Xunta asigna 873.000 euros para actuar nas ARIS de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de asignar preto de 1,25 millóns de euros aos concellos de Pontevedra e Caldas de Reis para financiar distintos tipos de actuacións de recuperación e urbanización dentro de tres áreas de rehabilitación integral (ARIS) declaradas nestes municipios.
O Goberno galego resolveu incluír a 22 entidades locais galegas no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, cofinanciado polo Executivo autonómico e o estatal.
No caso concreto de Pontevedra, a cidade disporá de 873.000 euros para seguir financiando novas actuacións dentro das súas dúas ARIS.
Así mesmo, outro dos concellos pontevedreses incluídos no reparto é Caldas de Reis, que conta cunha soa área de rehabilitación integral e con cargo á anualidade 2021 disporá de case 374.000 euros para financiar distintos tipos de intervencións que faciliten a súa recuperación.
Unha vez resolta a convocatoria deste ano e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos 22 concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.
O importe máximo das subvencións dirixidas a particulares e comunidades de veciños é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación.
Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.
A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.
Relacionadas:
-
Caldas contará con 374.000 euros para desenvolver unha terceira fase de rehabilitacións na súa ARI
Por Redacción |
-
O lateral do Concello e a rúa Pasantería, novos proxectos de rehabilitación no centro histórico
Por Redacción |
-
A oficina da ARI de Caldas consolídase como unha das máis activas de Galicia
Por Redacción |