Caldas contará con 374.000 euros para desenvolver unha terceira fase de rehabilitacións na súa ARI
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis consolida a súa aposta pola rexeneración e recuperación do casco histórico da vila sendo un dos catro concellos da provincia, dos nove que contan con ARIS, aos que lles teñen sido outorgados fondos para afrontar unha nova fase de financiación da ARI.
O concelleiro de Obras, Manuel González, considera que esta é “unha recompensa ao esforzo e á aposta que este concello ven realizando desde a posta en marcha no 2017 da oficina da Área de Rehabilitación Integral, que se traduce agora na oportunidade de desenvolver unha terceira fase do programa de rexeneración e renovación urbana e rural dependente do Plan Estatal 2018-2021”.
Así, Caldas disporá nesta terceira ocasión de preto de 374.000 euros, unha cantidade que se ve apoiada especialmente polo incremento na axuda achegada polo Estado, pasando dos 237.000 euros anteriores aos 297.000 actuais. O alcalde, Juan Manuel Rey, valora esta cantidade como “un éxito da xestión da Oficina Municipal da ARI que dirixe a arquitecta María Pierres, non só pola valoración que desta oficina e dos seus resultados se ten realizado por parte da administración autonómica, senón por ter acadado unha cantidade que comparativamente supera a adxudicada a concellos con máis poboación e vivendas integradas nas súas áreas ARI".
Este incremento vai permitir abrir unha nova convocatoria de axudas que favorecerá a rehabilitación ou reconstrución de preto de 50 vivendas para as que o Concello propón destinar 250.000€ en axudas directas, case que un 40% máis que na convocatoria anterior para a que se preveron 180.000, resultando insuficientes para a demanda real que finalmente houbo.
Neste momento, desde a oficina do ARI xa se conta para esta terceira fase coa petición e interese de levar a cabo 28 actuacións por parte de particulares. A previsión é que todas as persoas interesadas poidan participar da nova convocatoria que se abriría previsiblemente no outono, unha vez se resolva a sinatura do oportuno convenio co Ministerio de Transportes e Axenda Urbana e o IGVS.
Desde a creación no Concello de Caldas de Reis da Área de Rehabilitación Integral de Santo Tomé no ano 2017, a súa oficina de xestión do ARI consolidouse como unha das máis activas da provincia de Pontevedra. Desde que se abriu a 1ª fase de subvencións en xullo de 2018, son xa preto de 75 as actuacións de particulares que teñen solicitado as axudas á rehabilitación específicas para este tipo de Áreas.