Segundo ano sen Festa do Polbo en Bueu, que a substitúe por dúas xornadas de conferencias e degustacións
Por Redacción
O estaleiro da Banda do Río de Bueu será o escenario elixido para a celebración dunhas xornadas de promoción do polbo que organiza o Concello en colaboración coa confraría de pescadores da vila. A pandemia da covid-19 impide por segundo ano consecutivo organizar a tradicional Festa do Polbo, pero no seu lugar propoñen a organización dun evento os días 21 e 27 de agosto nos que haberá conferencias, debates, roteiros gastronómicos e degustacións.
O programa comezará o día 21 ás 11.30 horas cunha conferencia a cargo de José Manuel Dopazo, filólogo local, titulada " Polbo, un termo en discusión". A continuación está prevista unha mesa redonda sobre a pesca deste cefalópodo na que participarán o patrón maior de Bueu, Jose Manuel Rosas; e a mariñeira de Camariñas Yaqui Lista, para falar sobre as diferentes formas de capturar o polbo nun debate moderado polo presentador Rivadulla Corcón.
As xornadas continuarán o día 27 cun roteiro gastronómico na que se descubrirá a historia e os segredos do polbo, o Bueu mariñeiro e rematarase cunha degustación na Praza de Abastos.
Doutra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes a lonxa de Bueu para manter un encontro con representantes da confraría de pescadores no que falaron principalmente de que os ingresos nas lonxas galegas pola venda de polbo desde o inicio da campaña están a multiplicar por oito os obtidos ao longo do 2020.
A facturación destes centros de poxa pola comercialización desta especie están a ser uns 60 % superiores á media, mentres que as capturas están tamén superando os rexistros dos últimos anos.
Uns datos que confirman os bos indicios obtidos a finais da pasada campaña sobre o estado da especie, cun incremento no volume de capturas e no recrutamento de xuvenís.
No caso da lonxa de Bueu, nas primeiras semanas de campaña, comercializou máis de 4.500 quilos de polbo para facturar ao redor de 40.000 euros pola súa venda. No referente ás capturas, as cifras roldan a media histórica e triplican ás do ano pasado, mentres que os ingresos superan nun 30 % a media rexistrada en exercicios anteriores e cuatriplican os obtidos nas primeiras semanas de pesca posteriores á veda do 2020.
Relacionadas:
-
Volve o polbo fresco ás lonxas galegas
Por Redacción |
-
A Festa do Polbo regresará a Bueu en agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu reivindica a cultura do mundo mariñeiro con xornadas de promoción do polbo
Por Redacción |
-
Chega o polbo e vaise o choco da Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Bueu cambia a cita gastronómica por unhas xornadas sobre pesca para seguir exaltando o polbo na era da Covid-19
Por Redacción |