Bueu cambia a cita gastronómica por unhas xornadas sobre pesca para seguir exaltando o polbo na era da Covid-19
Por Redacción
O estaleiro da Banda do Río foi o escenario elixido para celebrar as primeiras xornadas sobre a pesca do polbo no municipio que organizan o Concello de Bueu e a Confradía de Pescadores San Martiño. "Este ano non puidemos celebrar a Festa do Polbo, pero non quixemos perder a oportunidade de seguir poñendo envalor un produto tan noso como ou polbo", declarou a concelleira de Turismo e Promoción Económica do Concello, Silvia Carballo, durante o evento.
A xornada contou cunha charla sobre a historia da pesca deste cefalópodo e sobre as artes de captura máis importantes que correu a cargo do patrón maior da confraría, Jose Manuel Rosas. O pescador mostrou ao público as ferramentas máis usadas como nasas, raña ou bichero.
O programa incluíu tamén unha homenaxe a Francisco Villar Lemos pola súa traxectoria na captura do polbo. Nunha amena conversación co patrón maior, Lemos lembrou os seus inicios aos quince anos no País Vasco.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, reivindicou no seu discurso a necesidade destes actos que recoñecen "a memoria viva dúas pobos, e as persoas que constrúen a nosa identidade". Así mesmo, destacou o compromiso do Concello coa defensa e a posta en valor da cultura e da tradición.
A xornada concluíu cunha actuación a cargo da comparsa Os Mulos, que interpretaron varias pezas galegas de temática mariñeira.