A área sanitaria baixa dos mil casos activos de covid-19 por primeira vez en seis semanas
Por Natalia Puga
O martes 13 de xullo a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estaba inmersa en pleno aumento de casos de covid-19 da quinta onda da pandemia e chegaba aos 1.005 pacientes coa infección activa. Desde entón, non pararon de crecer e ata este luns, a un día de cumprirse as seis semanas daquela data, non se volveu a baixar dos mil afectados.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este luns confirmáronse 45 novos positivos e déronse 103 altas, de modo que en total hai 58 casos activos menos. Isto situou o total de pacientes coa infección en 945.
Estes 45 novos positivos detectados ata as seis da tarde do domingo confirmáronse nunha xornada con poucas probas. Realizáronse 372 PCR, ás que habería que sumar os test de antíxenos. Desde o inicio da pandemia realizáronse na área sanitaria 290.245 PCR's.
Do total de casos activos, 922 son pacientes sen síntomas ou con síntomas leves que se atopan en corentena no seu domicilio e 23 están no hospital. É unha persoa hospitalizada menos que o domingo, de modo que se confirma que a presión asistencial vaise reducindo aos poucos na área sanitaria.
Non hai cambios, como tampouco houbo durante toda a fin de semana, na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, onde permanecen catro pacientes. Si hai un menos en planta de hospitalización, 19 este luns.
En concreto, hai 14 pacientes en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 3 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 19.820 persoas (103 na última xornada) e faleceron 195 pacientes.
Relacionadas:
-
A quinta onda remite na área sanitaria, que suma 24 novos positivos e ten 18 pacientes no hospital
Por Natalia Puga |
-
Dúas novas mortes con coronavirus de pacientes con máis de 90 anos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade organiza un cribado na Lama para persoas de 15 a 40 anos
Por Redacción |
-
Pequeno alivio no ritmo de novos positivos de covid-19, con 31 diarios na área sanitaria
Por Natalia Puga | Creada e actualizada