Sancionan tres locais na reapertura do lecer nocturno en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Desde esta fin de semana, ante a mellor situación epidemiolóxica de Pontevedra, o lecer nocturno volveu a abrir as súas portas. Fíxoo con ganas, tanto entre os empresarios como entre os clientes, algo que se traduciu nunha masiva asistencia a estes locais.
A inmensa maioría de hostaleiros demostraron a súa responsabilidade e cumpriron con todas as normas sanitarias impostas para garantir a súa seguridade, pero tres deles foron sancionados por saltarse as restricións.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que os locais denunciados están situados na rúa Isabel II, a Rúa do Arco e a Rúa da Ponte, no centro histórico.
O primeiro deles foi sancionado por instalar barras exteriores, mentres que os outros dous o foron, respectivamente, por permitir o consumo de alcol na vía pública e carecer dos carteis de aforo e por exceder o horario permitido, fixado nas tres da madrugada.
Para a reapertura do lecer nocturno, a Policía Local reforzou o seu operativo de seguridade e centrou os seus esforzos especialmente no centro histórico, onde ademais de concentrarse a maioría deste tipo de establecementos, tamén se rexistra gran afluencia de persoas.
A maior parte deste operativo consistiu en advertir aos locais que non estaban a cumprir de maneira adecuada algunha das restricións impostas ao sector, especialmente as relativas a evitar as aglomeracións ás entradas e saídas destes locais.
Ademais, os axentes tamén responderon ante as chamadas veciñais que alertaban da celebración de botellóns na vía pública, pero non se rexistraron denuncias.
Relacionadas:
-
O Concello non ve "problemas de orde pública" na noite pero si "pequenos desaxustes"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP alerta dun aumento de botellóns e pelexas e urxe reforzar o control sobre o lecer nocturno
Por Redacción |
-
Disolven unha pelexa entre vinte mozos que se 'picaran' por Instagram
Por Alejandro Espiño |