O BNG urxe ao Goberno que traballe para a evacuación inmediata do patrón de Bueu retido en Iemen
Por Redacción
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acaba de rexistrar unha serie de iniciativas no Congreso dos Deputados para pedir ao Goberno do Estado que leve a cabo as actuacións necesarias para "impulsar e facilitar a saída inmediata" de Iemen do patrón do barco 'Cobija', Pablo Costas Villar, natural de Bueu que leva once meses retido no país.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama medidas de apoio para a familia de Costas Villar e unha comunicación fluída co patrón galego ante a "situación de emerxencia humanitaria en que se atopa".
O patrón galego está vivindo, en palabras de Néstor Rego, "un auténtico calvario", posto que ao progresivo deterioro do barco súmaselle a falta de hixiene, de atención médica e mesmo de alimentos e auga.
Desde o BNG critican a "inoperatividade manifesta" do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación (MAEC), que "non exerce as súas competencias axilmente para lograr a repatriación do patrón galego".
O deputado nacionalista critica que "non pode ser asumible" que as únicas accións realizou o Ministerio foron unhas chamadas telefónicas que xa non suceden e que lle recomendaron ao patrón de Bueu que buscara pola súa conta un avogado e un tradutor.
Ademais, contrapón esta actuación de España coa doutros países, pois representantes dos gobernos de Indonesia e Senegal xa se desprazaron até Al Mukalla para interesarse persoalmente polos seus concidadáns que están retidos no mesmo barco que Pablo Costas.
Para a formación nacionalista, Asuntos Exteriores debe facer o que sexa necesario de forma urxente para lograr a liberación inmediata de Pablo Costas Villar e facilitar que volva xa á súa casa e coa súa familia.
O barco 'Cobija' fondea con autorización do goberno iemení no porto de Al Mukalla. A súa tripulación está composta por 32 persoas de distintas nacionalidades entre as que se atopan Pablo Costas Villar, o primeiro oficial de nacionalidade rusa, un peruano, 7 namibios, 4 senegaleses e 18 indonesios.
Acusados por Australia de pesca ilegal, foron retidos no porto en que fondeaban, xulgados e condenados a tres meses de arresto, pena que xa teñen cumprida. Agora levan once meses retidos, oito meses máis do tempo que estipulaba nun primeiro momento a sentenza e a única persoa que foi evacuada do barco foi o primeiro oficial, de nacionalidade rusa, despois de porse en contacto co seu consulado.
Agora, a tripulación segue retida esperando a celebración dun novo e xuízo nun país inmerso nun conflito bélico "sen as mínimas garantías mesmo do punto de vista humanitario", critica Néstor Rego.
Relacionadas:
-
"Estamos aliviados pero ata que poidamos abrazalo non estaremos tranquilos de todo"
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno xestiona o traslado de Pablo Costas á capital de Iemen e agarda un "rápido" regreso a Bueu
Por Redacción |
-
Liberan a Pablo Costas e a tripulación do Cobija retida en Iemen
Por Redacción | Creada e actualizada
-
SOS da familia do mariñeiro retido en Iemen: "Que clase de 'gentuza' ten a 30 homes ao bordo da morte?"
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu reivindica a cultura do mundo mariñeiro con xornadas de promoción do polbo
Por Redacción |
-
Un mariñeiro de Bueu leva case un ano retido nun porto iemení e en condicións deplorables
Por Redacción |