Remata a mellora do acceso a 70 vivendas en Santa María de Sacos
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou este luns unha inspección ocular do resultado final das obras do ensanche do Camiño do Quinteiriño, no lugar de Vila de Arriba, na parroquia de Santa María de Sacos, no que o Concello de Cerdedo-Cotobade investiu uns 46.000 euros e que permitirá ampliar o vial entre 4 e 4,5 metros, sobre un trazado duns 400 metros de lonxitude, grazas á cesión de terreos feita por parte dos veciños.
Os traballos rematados durante este mes de agosto consistiron no retranqueo de muro, a apertura do acceso e os movementos de terra necesarios para facilitar unha maior accesibilidade a vehículos de emerxencias e ambulancias a un núcleo habitado dunhas 70 vivendas unifamiliares que ata o momento tiña moi restrinxido o paso a este tipo de dotacións de intervención e auxilio.
Esta mellora do camiño, que obtivo o informe favorable de Patrimonio, contou tamén coa colocación de novas canalizacións e tubaxes pertencentes ao servizo municipal de abastecemento de auga e rede de sumidoiros.
O alcalde, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción polo resultado dos traballos realizados e agradeceu encarecidamente a colaboración veciñal para poder levar a cabo este tipo de obras que son moi necesarias no rural e permiten mellorar a accesibilidade de vehículos de emerxencia e tamén dos residentes nesas vivendas.