A oposición pide un pleno extraordinario sobre a "grave situación" dos centros de saúde de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Os grupos municipais do Partido Socialista, BNG e Cidadáns no Concello de Sanxenxo únense na petición dun pleno extraordinario monográfico sobre a "grave situación" derivada da "sobrecarga asistencial" que están a sufrir os distintos Centros de Saúde do municipio, concretamente o de Baltar e o de Vilalonga.
Estas formacións políticas sinalan que moitos profesionais sanitarios puxéronse en contacto con elas "para trasladar a situación caótica e preocupante" vivida neste verán "e que moito se temen vai continuar".
Denuncian que "a Consellería non está a cubrir vacacións nin baixas de persoal, polo que a sobrecarga asistencial dos Centros de Saúde están a repercutir na cidadanía". A esta situación súmanlle as inundacións por desbordamento de augas residuais no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar, "algo do que xa eran coñecedores tanto a Consellería como o propio goberno municipal, ambos en mans do Partido Popular".
Ante esta situación límite, as portavoces Ainhoa Fervenza (PSOE), Sandra Fernández (BNG) e Vanessa Rodríguez (Cidadáns) solicitaron un pleno extraordinario que terá lugar o martes 14 de maneira presencial ás 9:30 horas no que propoñerán que o Concello inste á Xunta a "normalizar" a situación dos Centros de saúde e garantir a asistencia presencial.
Ademais pedirán á Consellería de Sanidade que elabore un plan para afrontar as listas de espera acumuladas en probas diagnósticas e cirurxías, e tamén que incremente o persoal, cubrindo as baixas e vacacións "e acabar coa súa precariedade e inestabilidade".
Outra petición é que o acceso ás probas no punto COVID-19 sexa gratuíto.