800 desempregados comezarán a traballar nos concellos da provincia no mes de decembro
Por Redacción
A Xunta de Goberno aprobou este venres as achegas do II Plan de Emprego 2013, polo que a Deputación facilitará a contratación duns 800 traballadores desempregados para a prestación de servizos prioritarios nos concellos da provincia. A cada concello corresponderalle un número predeterminado de persoas en función da súa poboación. Así, os concellos máis pequenos, de menos de 2.000 habitantes, poderán contratar ata 8 desempregados, mentres que os de entre 20.000 e 50.000 terán 17 operarios.
O obxectivo da Administración provincial é darlle unha oportunidade de traballo a persoas que nestes momentos se atopan nunha situación precaria. Por iso, a iniciativa vai dirixida especialmente a persoas de máis de 30 anos que non só se atopen en situación de desemprego, senón que tamén carezan de prestacións ou dispoñan unicamente de prestacións sociais básicas coma o RISGA.
A cada concello corresponderalle un número predeterminado de persoas en función da súa poboación
A Xunta de Goberno acordou, así mesmo, ampliar ata o 30 de novembro o prazo que os concellos teñen para proceder á contratación dos traballadores. A data establecida inicialmente era o 1 de novembro, pero debido á tramitación que require o proceso de selección (solicitude de listado de desempregados aos servizos de emprego e posteriores entrevistas e selección), considerouse oportuno ampliar o prazo para dar o suficiente marxe de tempo para contratar. Desta forma, no mes de decembro todos os traballadores estarán xa desenvolvendo o seu labor.
Os contratos serán a tempo parcial, cunha duración de 25 horas semanais, e por un período de 6 meses; e a Deputación correrá co custe salarial íntegro dos traballadores, que será de case 700 euros. A achega da Deputación para estes constratos supera os 3 millóns de euros.
Entre o persoal máis demandado polos concellos figuran operarios para mantemento de viais e espazos públicos; traballadores forestais e de parques e xardíns; axudantes de axuda no fogar; peóns de obra pública; varredores; operarios de servizos varios, e algúns peóns electricistas, fontaneiros, conserxes ou peóns condutores.
A achega da Deputación para estes constratos supera os 3 millóns de euros
COMARCA DE PONTEVEDRA
Os 7 concellos da comarca de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes disporán de 75 operarios e unha achega de 313.641 euros.
Os concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Vilaboa disporán de 10 traballadores cada un, cunha achega de 41.818,80 euros por concello; mentres que o municipio de Poio terá dereito a 15 traballadores, cunha achega de 62.728,20 euros.
Relacionadas:
-
Marín volverá reforzar o seu equipo con 15 peóns e dous conserxes de maio a outubro
Por Redacción |
-
A Deputación ultima un novo plan para dotar de 800 operarios aos concellos da provincia
Por Redacción |
-
O 1 de novembro deberán estar contratados os 870 novos traballadores da Deputación
Por Redacción |
-
Un total de 479 empresas requiriron xa aos mozos cualificados que subvenciona a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Deputación asume os servizos sociais de 53 concellos e os contratos laborais de 900 becarios
Por Redacción |