A marcha "700 camisetas contra a leucemia" unirá este domingo Vigo e Pontevedra
Por Redacción
Máis de cincocentas persoas, camiñantes corredores e membros da asociación Discamino reuniranse este domingo 26 de setembro para participar na marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia", ao longo de 36 quilómetros entre Vigo e Pontevedra.
Esta iniciativa, que cumpre xa doce edicións, ten como obxectivo sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da doazón de medula ósea e de sangue do cordón umbilical.
A saída, no Centro Comercial A Laxe de Vigo, realizarase de forma graduada desde as 9.00 horas para os camiñantes e a partir das 10.00 horas para os corredores e os membros de Discamino, que un ano máis participan nesta experiencia solidaria.
Para poder facer o percorrido será obrigatorio estar vacinado ou, na súa falta, presentar unha proba PCR ou de antíxenos realizada con 48 horas de antelación á realización da marcha.
As persoas participantes estarán acompañadas ao longo dos 36 quilómetros de percorrido, ata a Praza da Peregrina de Pontevedra, por voluntarios con vehículos e motos de apoio. Ademais, haberá cinco puntos de avituallamiento e un servizo de recuperación á chegada.
A marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia" é unha iniciativa que se iniciou no ano 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no ano 2009 dun percorrido por Galicia para entregar 700 camisetas que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia.
A Asociación FRANGIL contra a leucemia, que ampara este evento, leva o nome de Francisco Gil, que loitou durante catro anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.
Relacionadas:
-
A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: abre as inscricións para a súa última edición
Por Natalia Puga |
-
A marcha solidaria contra a leucemia volverá tinguir de vermello Pontevedra
Por Redacción |
-
Máis de 500 persoas participan na marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia"
Por Redacción |
-
Marcha Solidaria 700 camisetas para promover a doazón de médula ósea na loita contra a leucemia
Por Redacción |
-
A Praza da Peregrina, tinguida de laranxa para loitar contra a leucemia
Por Redacción |