Máis de 500 persoas participan na marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia"
Por Redacción
A marcha "700 camisetas contra a leucemia" reuniu este domingo a máis de 500 persoas que percorreron 36 quilómetros con saída no Centro Comercial A Laxe de Vigo e chegada no centro de Pontevedra. Con esta, xa son doce as edicións desta iniciativa solidaria, que quere sensibilizar e informar acerca da importancia de doar medula ósea e de sangue do cordón umbilical.
Para garantir a seguridade sanitaria, os participantes saíron de forma graduada ao redor das 9:00 horas. Primeiro os camiñantes e, unha hora despois, os corredores e membros de Discamino. Previo á saída realizaron unha homenaxe ás persoas falecidas e ás que loitan por volver á normalidade.
Ademais, este ano houbo unha dedicatoria especial a Isaura Abelairas "por ser nosa valedora antes e durante o seu cancro. Pola súa enerxía e a súa entrega aos demais" e a Deborah Cervera e a súa familia, "que nos serven de exemplo pola súa tenacidade e pola súa procura de 'justiciaparadebora' despois de case 20 anos de loita", explicou o presidente da marcha, David Gil.
A mensaxe que dirixe "700 camisetas contra a leucemia" nesta edición é un raio de esperanza para os que son "afortunados por estar hoxe aquí; a vida é un agasallo e cada un a vive á súa maneira, pero témonos que felicitar porque hoxe decidimos dedicar os nosos pasos por todas as persoas que nos necesitan nun momento moi duro para elas".
700 CAMISETAS CONTRA A LEUCEMIA
A "Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia" é unha iniciativa solidaria que se iniciou no ano 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no ano 2009 (entre Vigo e Pontevedra) e que formaba parte de 10 etapas percorrendo Galicia coa intención de entregar 700 camisetas, que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia. De aí xurdiu este movemento, que a día de hoxe seguen en Facebook case 18.480 persoas en todo o mundo.
O evento está apoiado pola Asociación FRANGIL contra a leucemia, que foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividade de Francisco Gil, que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.
Relacionadas:
-
A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: abre as inscricións para a súa última edición
Por Natalia Puga |
-
Unha carreira para concienciar aos máis pequenos sobre a leucemia
Por Redacción |
-
Chega a Pontevedra a "Volta a Galicia 700" convocada pola Asociación FranGil contra a leucemia para promover a doazón
Por Redacción |
-
A marcha solidaria contra a leucemia volverá tinguir de vermello Pontevedra
Por Redacción |
-
A AECC volve "sacar peito" contra a vulnerabilidade que xera o cancro de mama
Por Redacción |
-
A marcha "700 camisetas contra a leucemia" unirá este domingo Vigo e Pontevedra
Por Redacción |
-
Marcha Solidaria 700 camisetas para promover a doazón de médula ósea na loita contra a leucemia
Por Redacción |