Volven os Obradoiros de Envellecemento Activos á Finca de Briz

Por Redacción
Os Obradoiros de Envellecemento Activo están de volta na Finca de Briz. Están destinados, como en edicións anteriores, a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa.
Os detalles do inicio da actividade comunicáronse esta semana pola concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente de Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos y otras Demencias de Pontevedra), Jose Manuel Fontenla, que indicaron que se poderán beneficiar ata 30 usuarios, 15 por cada sesión semanal.
As persoas interesadas, pasarán por unha avaliación inicial por parte das traballadoras sociais da entidade social, para así poder coñecer a situación cognitiva de cada un dos usuarios e poder programar actividades de carácter individual que estean adaptadas ao nivel de cada un.
Levarán a cabo traballos grupais con distintas técnicas que fomenten a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo, ademais de exercicios cos que traballar a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia e outras funcións.
Cada praza terá un custo de 25 euros, dos cales 15 serán achegados polo Concello de Marín, que colabora na organización dos obradoiros, e os 10 restantes pola persoa participante. Serán dous días á semana, os luns e os mércores, cunha duración dunha hora e media cada sesión.
As familias ou persoas interesadas no obradoiro poden poñerse en contacto con Afapo no teléfono 986842141.