A Finca de Briz retoma os obradoiros de envellecemento activo e o Centro Terapéutico

Por Redacción
Ás portas do outono, o Concello de Marín retoma os Obradoiros de Envellecemento Activo, organizados por Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra).
Estes obradoiros desenvolveranse na Finca de Briz, onde está tamén en funcionamento o Centro Terapéutico.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente de Afapo, Jose Manuel Fontenla, pecharon os detalles do inicio da actividade, da que se poderán beneficiar ata 43 usuarios e usuarias, 22 nos obradoiros e 21 no Centro Terapéutico.
Os potenciais usuarios dos obradoiros son persoas a partir dos 55 anos de idade que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa, xa que o obxectivo fundamental deste obradoiro é o de previr a aparición deste tipo de patoloxías, fomentando o envellecemento activo.
Levaranse a cabo traballos grupais con distintas técnicas que fomenten a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Ademais, realizaranse exercicios cos que traballar a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia e outras funcións.
Os obradoiros desenvolveranse dous días á semana, os luns e os mércores, cunha duración dunha hora e media cada sesión.
Ademais, a concelleira de Benestar Social adiantou que a partir deste mes o Goberno local traballará para poder ofrecer un servizo semellante ao dos obradoiros de envellecemento activo na Casa de Cultura de Seixo, "xa que sabemos que hai unha importante demanda", señaló.