A Finca de Briz acolle novos obradoiros de envellecemento activo

Por Redacción

© Concello de Marín

© Concello de Marín

© Concello de Marín
Esta semana comezou o novo curso dos obradoiros de envellecemento activo de Marín. Nunha das salas nas que se desenvolven as actividades, os participantes recibiron a visita da alcaldesa María Ramallo.
A rexedora manifestoulles que poñerlle anos á vida é sempre un motivo de celebración, pero ademais é importante que os anos que se cumpran sexan de calidade, con boa saúde e autonomía. Por iso a importancia das actividades dirixidas ao traballo en prevención.
Nesta visita, a alcaldesa quixo saudar aos usuarios e usuarias dos obradoiros de memoria da Finca de Briz. Acompañárona as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, así como o presidente de AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra), a asociación encargada da prestación deste servizo.
En total, participan 30 persoas nestes obradoiros, 15 por cada sesión. Dado que cada unha ten unha situación sanitaria diferente, o persoal técnico de AFAPO encargouse de realizar unha avaliación previa de cada unha destas persoas para poder deseñar actividades e exercicios adaptados ás súas necesidades.
María Ramallo sinalaba que "contar con servizos coma este é unha prioridade para nós, porque temos moita poboación maior á que queremos ofrecerlle opcións coas que mellorar a súa calidade de vida".
FUTURO CENTRO DE DÍA
Durante a visita, a alcaldesa comentou que xa se iniciaron as obras de reforma do primeiro andar da antiga Casa do Mar para convertela nun centro de día.
Estas obras, que aínda durarán uns meses, habilitarán este espazo para crear un centro de día público, dirixido á poboación avellentada para que poida optar por un servizo de calidade na súa propia vila.
A execución desta reforma estase facendo en colaboración coa Consellería de Política Social, que investirá 200.000 euros, e coa achega do Concello de Marín, que ascende a 100.000, que se realizará con cargo ao remanente de Tesourería.
Relacionadas:
-
A Finca de Briz retoma os obradoiros de envellecemento activo e o Centro Terapéutico
Por Redacción |
-
RADIO.- "As competencias emocionais, fronte ao que sucede coas cognitivas, melloran coa idade"
Por Marisa Ciordia |
-
Nova sede de AFAMO en Bueu para atender ás persoas afectadas polo Alzheimer
Por Redacción |
-
Volven os Obradoiros de Envellecemento Activos á Finca de Briz
Por Redacción |
-
O 18 de novembro abrirá o centro terapéutico de Briz para persoas con alzheimer
Por Redacción |