En-Colectivo inicia unha campaña para reclamar a gratuidade da AP-9 ao Goberno de Pedro Sánchez
Por Redacción
A asociación de consumidores En-Colectivo iniciou unha campaña de recollida de firmas para esixir ao Goberno que anule a concesión da autoestrada AP-9 a Audasa, que ten vixencia ata o ano 2048.
En-Colectivo adoptou esta decisión despois de que Bruxelas, por mor das denuncias presentadas por esta asociación, abrise un procedemento de infracción contra España por non sacar a licitación as prórrogas da concesión, incumprindo a normativa europea.
A través da súa páxina web, a asociación demanda o apoio da sociedade para que o Estado "deixe de illar a Galicia" e que o custo dos "erros" na concesión da autoestrada "non teñan que ser asumidos e sufragados por todos os galegos".
Engaden que "levamos pagando unhas peaxes que non nos corresponden desde 2013" e, se non se anula a segunda prórroga da concesión, "seguiremos pagando desde 2023 ata 2048".
Esta autoestrada, segundo En-Colectivo, "leva amortizada" desde 2013 e consideran que debería ser unha vía gratuíta como ocorre noutras comunidades autónomas con autoestradas similares.
"Non podemos permitir que a única vía de conexión entre o norte e o sur de Galicia sexa unha autoestrada de pago", sinala o presidente desta asociación, Diego Maraña, que cifra en máis de 140 millóns de euros anuais o custo para os galegos do uso da autoestrada.
Maraña asegura que tras a resposta da Comisión Europea ante as irregularidades do proceso de concesión "temos a oportunidade de que se faga xustiza".
O presidente de En-Colectivo confía en que o Goberno "nos escoite" e deixe de "tentar xustificar o inxustificable" ante Bruxelas "asumindo os erros cometidos e actuando en consecuencia", dando os "pasos necesarios" para convertela a autoestrada en gratuíta.
A campaña de recollida de firmas permanecerá activa ata o 23 de novembro, data na que acaba o prazo de dous meses concedido pola Comisión Europea ao Goberno de España para dar unha resposta á súa carta de emprazamento.
O obxectivo é reunir unhas 500.000 firmas neste período.
Relacionadas:
-
Outro 3% máis caro será circular pola AP-9 a partir do 1 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
A Comisión Europea considera ilegal a prórroga da concesión a Audasa da AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno agarda que as novas bonificacións na AP-9 sexan efectivas esta semana
Por Redacción |
-
A Fiscalía recorre diante do Supremo a revogación da condena contra Audasa
Por Oskar Viéitez |
-
A xustiza falla a favor de Audasa, que non terá que devolver as peaxes cobradas durante as obras de Rande
Por Oskar Viéitez |