O novo complexo para a Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo terá un viveiro de empresas
Por Redacción
A sociedade municipal Insula Sanxenxo deu luz verde este venres nunha reunión do consello de administración á contratación do proxecto de execución do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial por un importe máximo de 150.000 euros.
A proposta foi aprobada por unanimidade e a construción desta nave permitirá un aforro anual de 38.115 euros anuais polo alugueiro da nave de servizos e concentrar nun mesmo espazo varios servizos municipais.
O anteproxecto contempla a construción de catro edificacións destinadas á Policía Local (300 metros cadrados), Emerxencias (200 metros cadrados), nave para servizos xerais (2.000 metros cadrados) e un espazo coworking ou viveiro de empresas (cun máximo de 1.500 metros cadrados).
Ademais, contémplase unha oficina para servizos xerais (100 metros cadrados) e unha estación para almacenamento da iluminación pública (600 metros cadrados). O prazo de execución para estas naves estímase en 18 meses.
As naves destinadas a almacén e ao servizo de Emerxencias contará con dous corpos, o principal destinado á nave de servizos que constará dunha única planta situada sobre planta baixa e un soto que ocupa parte da superficie.
O outro corpo estará destinado a Emerxencias cunha planta baixa destinada a aparcamento e outra planta destinada a servizos. O edificio destinado a coworking constará de tres plantas, así como unha planta soto destinada a aparcamento. A nave destinada á Policía Local terá dúas plantas.
En canto ao aspecto exterior das naves prevese un sistema de peche exterior transventilado con paneis de formigón con fibras e un sistema de parasoles verticais e celosías de aluminio.
O orzamento total da actuación está estimado en 5,7 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Primeiros pasos na tramitación do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
O parque empresarial de Nantes xa ten ocupadas o 20% das parcelas dispoñibles
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local proxecta varias naves para usos municipais no parque empresarial
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín presenta ao vicepresidente da Xunta o proxecto da nova sede do servizo de emerxencias
Por Oskar Viéitez |