Portas, Campo Lameiro e Moraña compartirán un punto limpo móbil
Por Redacción
A agrupación municipal formada polos concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña recibirán 90.000 euros da Xunta de Galicia para a adquisición dun punto limpo móbil que atenderá as necesidades dos habitantes destes tres municipios.
Con esta subvención, os concellos poderán cubrir o 100% do custo de compra do vehículo.
Os concellos teñen a posibilidade de escoller entre catro modelos: un contedor/caixa metálica de gran volume, un remolque e contedor metálico de gran volume, un camión con caixa e chasis ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.
Con este punto limpo móbil, Portas, Campo Lameiro e Moraña buscan favorecer a axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización dos residuos especiais.
De xeito paralelo, tamén queren evitar a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.