Cada fogar de Poio pagará unha media de 3 euros máis ao mes pola suba de varias taxas municipais
Por Redacción
Poio actualizará á alza algunhas das súas taxas municipais para 2014. Segundo explicaron o alcalde, Luciano Sobral, e o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, serán concretamente catro taxas as que resulten máis caras o próximo ano: a auga, que subirá un 1,21% e o saneamento, a recollida de lixos e o tratamento de residuos, que aumentarán o seu custo en torno ao 1%. Son subidas "moi reducidas" e por baixo do IPC, destacaron.
Con esta suba de taxas, o goberno municipal espera recaudar uns 20.000 euros máis cada ano. Servirán, sinalou Barreiro, para tratar de reducir o déficit que Poio ten coa empresa Aquagest, responsable dos servizos de auga e saneamento. Este déficit ascende a uns 492.000 euros. "Se non subisemos nada as taxas, esa cifra seguiría medrando", explicou o edil nacionalista, quen pediu comprensión á cidadanía.
"A cidadanía debe saber que o prezo que lle ten que pagar o Concello ás subministradoras sobe sempre e por iso tamén temos que incrementar lixeiramente as taxas que se lle cobran aos veciños", insistiu Xulio Barreiro. En total, Poio paga anualmente a Aquagest 1,2 millóns de euros polo auga e o saneamento, 600.000 euros a Sogama polo tratamento dos lixos e outros 600.000 euros a Cespa pola recollida destes residuos.
En todo caso, Luciano Sobral sinalou que esta actualización das taxas municipais suporá que máis ou menos, tomando como base un consumo medio de 35 metros cúbicos de auga, cada vivenda do municipio terá que pagar tres euros máis anuais. Os cálculos detállanse nun desembolso de 96 céntimos a maiores polo auga, de 92 céntimos polo saneamento, 60 céntimos polo tratamento de residuos e 52 pola súa recollida.
Ademais, todas estas taxas poderán comezar a pagarse de forma bimensual, en lugar de trimestral, para que resulte máis levadeiro para os petos dalgúns cidadáns.
O resto de taxas e impostos municipais, como o IBI, as taxas urbanísticas, as licenzas de vados, o guindastre ou a ocupación de vía pública, non rexistrarán ningún tipo de variación. "Será o terceiro ano consecutivo que todas estas se manteñen invariables e, ademais, o IBI está no mínimo que establece o Goberno estatal", concluíu Sobral.