Un veciño de Poio dáse á fuga dun control rutineiro de alcol e drogas: "No me hagas las pruebas, si me las hacéis me jodéis la vida"
Por Redacción
Un veciño de Poio de 39 anos está a ser investigado pola Policía Local por negarse a realizar as probas de alcol e drogas, darse á fuga dun control preventivo, conducir de maneira temeraria e carecer de permiso.
Os axentes estaban a realizar un control preventivo na zona de Lourido o pasado mércores 13 de outubro e, sobre as 17:30 horas detiveron a un home ao que informaron do traballo que estaban a realizar. Segundo informou a Policía, "desde o primeiro momento" detectaron nel "signos externos que indicaban que podía estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas (pupilas dilatadas, rostro suorento, tremor en mans e pernas, nerviosismo, movemento oscilante de cabeza, ademais de aspiración nasal rápida e frecuente)".
O home púxose "moi nervioso" no momento no que empezaron a facerlle as probas, xesticulando de forma ostensible manifestando de forma moi repetitiva "no me hagas las pruebas, si me las hacéis me jodéis la vida, podéis pasarlo por alto".
#Ante tal situación, os axentes preguntáronlle se consumira alcol ou substancias estupefacientes e el respondeu que "se fumou un porro o día anterior e pouco antes de ser parado consumira alcol", polo que a Policía díxolle que como condutor tiña a obrigación de realizar as probas e volveuse a negar. Foi avisado de que estaba a cometer un delito de negativa e, cando estaban a comprobar os seus datos e lembrándolle que estaba obrigado a realizar as probas, "acendeu o vehículo de forma brusca e emprendeu a marcha fuxindo a gran velocidade, chegando a facer patinar as rodas na súa arrancada e deixando en poder dos axentes actuantes o seu documento nacional de identidade".
Unha vez que o investigado abandonou o control, os axentes seguírono no coche policial e empregando os dispositivos de sinalización de emerxencia ópticos e acústicos, sendo necesario adiantar a varios vehículos que circulaban pola Avenida Peirao Besada sentido PO-309 tratando de darlle alcance ao vehículo fuxido, conseguindo unicamente establecer contacto visual, acreditando desta forma "condución antirreglamentaria por parte do home, exceso de velocidade, manobras temerarias, etc".
Finalmente e tras varios minutos de procura, os axentes acudiron ao domicilio que figuraba no documento de identidade na parroquia de San Xoán, onde se atoparon aos familiares do home.
Este, ao redor das 20:45, segundo explicou a Policía Local de Poio, contactou telefonicamente con eles e foi citado para comparecer e acudir a unha entrevista onde lle explicaron os feitos que se lle imputaban. Entre eles atópanse un "presunto delito contra a seguridade viaria, consistente na negativa para ser sometido ás probas de detección alcohólica e de presenza de drogas no organismo establecidas regulamentariamente".
Agora, o investigado está citado para un xuízo rápido no xulgado de garda de Pontevedra e exponse a unha multa de 500 e 200 euros por circular de forma temeraria e non obedecer as ordes de detención e a que lle quinten 6 e 4 puntos do carné que non posúe, xa que llo retiraron por outro delito contra a seguridade viaria por circular baixo os efectos do alcol.
Relacionadas:
-
Conduce drogada por A Illa cun bebé dentro do coche
Por Redacción |
-
Xuño, mes negro dun verán con máis desprazamentos e probas de alcohol e drogas nas estradas de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Faise pasar polo seu irmán ante a Garda Civil cando conducía bébedo e para ocultar que carecía de carné
Por Oskar Viéitez |
-
Un condutor dá positivo en alcol e drogas despois de causar danos nun establecemento de A Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez |