Marín crea unha Rede de Voluntariado para acompañar as vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
A Concellería de Benestar Social do Concello de Marín está traballando na creación da Rede de Voluntariado Municipal para acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero. Con esta iniciativa trátase de organizar unha rede con formación específica en violencia de xénero para colaborar coas vítimas e posibilitar así a posta en marcha das accións necesarias para mellorar a súa situación.
Segundo sostén o Concello, actualmente en Marín é necesario contar con este recurso pois a demanda de atención das mulleres vítimas formais ou non formais da violencia de xénero é moi alta e necesitan acompañamento para xestionar as súas propias vidas.
As persoas ou asociacións que formen parte desta rede recibirán unha formación e preparación específica de como mínimo 40 horas.
Unha vez recibida a formación, as persoas participantes poderán formar parte da Rede de Voluntariado Municipal para o acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero constituíndose unha bolsa de voluntariado rotatoria para acompañar ás mulleres a realizar xestións aos xulgados, centros sanitarios, estranxeiría, avogados, así como para a busca activa de emprego ou para actividades de formación, entre outras.
Aquelas asociacións ou mulleres que participen recibirán unha beca de formación para asistir e contarán cun servizo de atención a menores para posibilitar a asistencia á formación en igualdade de condicións. Así mesmo, estase a elaborar un regulamento específico para evitar a sobrecarga das asociacións ou das mulleres vítimas que xa superaron situacións de malos tratos.
As asociacións ou persoas interesadas, implicadas na loita contra a violencia de xénero que desexen formar parte desta rede, deben comunicalo no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Marín, antes do día 31 de outubro. O teléfono do centro é 986891802.