Modifican os métodos dos exames para acceder ás prazas convocadas polo Concello
Por Alejandro Espiño
Facer máis xustos todos os procesos, sexa rebaixando o número de preguntas ou simplificando algúns apartados. É o obxectivo que se marcou o Concello de Pontevedra coa súa decisión de modificar os procedementos dos exames para o acceso ás prazas públicas locais.
A modificación das bases que regularán estes procesos selectivos afectará xa ás prazas incluídas na primeira parte da oferta de emprego público do ano 2021, segundo avanzou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Neste caso serán un técnico de quenda libre do subgrupo A1, seis administrativos (cinco de promoción interna e unha libre), dúas prazas de auxiliares administrativos (unha interna e outra libre), catro de subalternos (libres), dúas de aparellador / arquitecto técnico (libres), dúas de sepultureiro (unha interna e outra libre) e tres de operarios (libres).
Na práctica, estas oposicións locais tiñan cinco exames, un deles tipo test, un segundo onde o aspirante debe desenvolver un tema, o terceiro é a proba de galego, o cuarto é o exame práctico e o quinto está baseado na medición das aptitudes informáticas dos presentados.
Os cambios, segundo Gulías, buscan "seguir traballando na harmonización e modernización da administración local, tentando que os nosos recursos humanos, as persoas que imos seleccionar para traballar con nós, sexan as mellores, con maior capacidade".
Así, no exame tipo test rebaixaranse en dez o número de preguntas e no desenvolvemento do tema, que ata agora era escollido polo azar entre o temario, será elixido polo mesmo tribunal, priorizando uns sobre outros segundo decida este órgano.
Na parte lingüística, onde era habitual o uso de preguntas de tipo gramatical, agora contará con un modelo para as escalas superiores e as inferiores. Nas superiores os aspirantes terán que elaborar un texto en galego, para demostrar capacidade de redacción, léxico e capacidade coa lingua. Nas inferiores será un exame oral co obxectivo de comprobar a fluidez co galego.
O exame práctico tamén se verá modificado. No caso da proba para aspirantes a administrativos, esta será de carácter voluntario, podendo escoller ou non ir á proba.
Isto responde a que as cuestións nesta parte, de tipo informático, quedarán recollidas no seguinte exame, que non terá ningunha modificación.
DÚAS PRAZAS NA POLICÍA LOCAL
A Xunta de Goberno aprobou tamén este martes as bases que regularán a convocatoria de dúas prazas na Policía Local, aínda que neste caso os exames estarán organizados pola Academia Galega de Seguridade Pública.
Será unha praza de oficial, convocada mediante mobilidade horizontal, é dicir, reservada para policías que xa estean traballando noutros municipios; e unha praza de inspector, que neste caso será convocada por promoción interna.
Relacionadas:
-
Convocan 49 prazas de oferta pública de emprego no Concello, 30 de quenda libre
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A oferta pública de emprego de Pontevedra amplíase con dezaseis prazas máis
Por Alejandro Espiño |
-
Convocan 28 prazas de oferta pública de emprego no Concello
Por Redacción |
-
O Concello reforza o plantel municipal con 83 novos traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra anuncia cambios internos na administración electrónica, facturación, contratación e persoal
Por Oskar Viéitez |