A primeira Asemblea Ágora recolle unha batería de iniciativas para recuperar máis espazo público para as persoas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, celebrou este mércores a primeira Asemblea Ágora de concellos polo espazo público na que deu a coñecer a batería de iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do Plan Ágora en 2022 para recuperar espazos para as persoas.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou unha nova liña de axudas económicas para a redacción de proxectos, a creación dun Observatorio Dixital Ágora, e tamén que a Deputación tramitará directamente fondos europeos para proxectos xa maduros de cada un dos concellos da provincia.
A valoración global da asemblea por parte de Benítez foi moi positiva, xa que asistiron máis de medio cento de persoas representantes técnicas e políticas dos concellos da provincia, ademais de que tomaron a palabra numerosos alcaldes, alcaldesas e outras persoas voceiras municipais contando a súa experiencia e necesidades.
Estas últimas resumíronse na petición de que a Deputación siga a exercer de asesora e "dea amparo" aos concellos fronte ás dificultades sociais, e facilite a xestión burocrática ante outras administracións ou a consecución de fondos para levar adiante obras.
Benítez garantiu sen ambaxes o "arroupe da Deputación para abordar o reto social que é a recuperación do espazo público" e a consecución de fondos para executar obras. Subliñou, de maneira tallante, que a pesares de haber complicacións para levar proxectos adiante "hai unha bola de neve crecente a prol do espazo público".
Benítez destacou que se abrirá unha segunda convocatoria de axudas provinciais dirixidas principalmente á redacción de proxectos. "Nos vindeiros anos vai haber fondos de todo tipo para estas iniciativas e queremos que os concellos esteades preparados con proxectos en carteira", insistiu.
Neste sentido, o deputado nacionalista explicou outra nova liña de axudas pola que a Deputación se porá a disposición dos concellos para tramitar de maneira directa fondos europeos para obras de actuacións xa maduras.
Indicou que este venres vai abrirse unha nova convocatoria de fondos da Unión Europea dotada con 6 millóns de euros que se verán incrementados con novas inxeccións, e instou aos concellos a "meter" nesa convocatoria "absolutamente todo o que poidan".
Finalmente, Benítez explicou que dende o departamento de Mobilidade porase en marcha un Observatorio Dixital Ágora, unha especie de "caixa virtual na que se depositen todos os exemplos de intervencións que se están a facer nos concellos Ágora".