Veciños de Ardán acordan crear unha plataforma en contra da instalación dun parque eólico na zona
Por Redacción
A Casa da Cultura de Ardán acolleu unha concorrida asemblea veciñal aberta na que se debateu sobre o proxecto eólico que planea sobre a zona. Ao encontro, ademais de veciños das parroquias afectadas, acudiron representantes de colectivos doutros puntos de Galicia e asociacións locais.
En concreto tomaron parte no encontro ao redor de 75 persoas, con intervencións por parte da Organización Galega de Comunidades de Montes, a Asociación Alarma na Terra de Montes ou Adega.
A conclusión da asemblea foi a decisión de constituír unha plataforma propia para opoñerse a este proxecto eólico.
O principal obxectivo da mesma, explican, será solicitar información e vixiar os movementos que a empresa promotora ou as administracións fagan respecto diso.
A plataforma pretende incluír a todas as persoas ou organizacións que se vexan ou sintan afectadas, entre os que se atopan veciños de Ardán, Cela, Bueu, Ermelo ou Santomé, ademais da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a Asociación Ecoloxista Anduxía de Bueu, membros da Asociación de Propietarios Privados do Morrazo así como representantes ou membros doutras comunidades de montes e asociacións veciñais..