Arranca o programa de actividades para a saúde física e mental en Sanxenxo
Por Redacción
Un total de 116 maiores apuntáronse no programa de actividades física, deportiva e de saúde de Sanxenxo, que leva realizándose desde o ano 1999, cunha alta participación.
A actividade é gratuíta para os veciños e veciñas do municipio. Neste sentido, desde o Concello infórmase de que aínda se mantén o prazo de inscrición aberto.
Os participantes divídense en 3 grupos, en clases dunha hora de duración, os luns e xoves e os martes e venres, de 10 a 11 e de 11 a 12 horas.
O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, explica que "os beneficios para os participantes son moitos, tanto a nivel físico como psíquico, xa que practicando exercicio melloran tamén o seu estado de ánimo e aumenta a súa socialización".
Durante os adestramentos, que se adaptan ao estado físico de cada participante, trabállase a forza, a resistencia, a flexibilidade, a coordinación e a concentración. As sesións realízanse no campo de fútbol e o pavillón de Baltar, en función da meteoroloxía.
TALLER DE MEMORIA
Outra das actividades dirixidas aos maiores do municipio é o Taller da Memoria, que conta na actualidade con 120 persoas inscritas das sete parroquias.
En Portonovo e en Noalla rexístrase o maior número de participantes con tres e dous grupos, respectivamente.
Durante as clases, practícase a lectura, a escritura, exercicios de memoria e de cálculo mental. Ademais, realízanse andainas, excursións culturais e actividades lúdicas para favorecer a socialización entre os participantes.