A V Outubrofest quenta motores e mantén prezos
Por Diego Espiño
O Pontevedra Rugby Club presentou a que será a quinta edición da Outubrofest, a festa de temática alemá coa que pretenden recadar fondos para financiar a tempada dos diferentes equipos da entidade.
A Praza do Teucro acollerá un ano máis o evento dende o próximo xoves 31 de outubro e ata o domingo 3 de novembro, en horario de 12:00 a 0:00 horas.
Os responsables do Pontevedra RC aseguran ter todo preparado para organizar un festa que se caracteriza por manter os prezos durante estes cinco anos.
Así na carpa se servirá cervexa loura (3,5 euros o medio litro e 6 o litro), tostada e de trigo (ambas as dúas a 4 e 7 euros), esperando superar os 7.300 litros despachados na última edición, ademais de varios pratos de comida: can quente (2 euros), prato de tres salchichas (5 euros), prato de cinco salchichas (9 euros), salchicha de medio metro (6 euros), salchicha dun metro (10 euros) e lomedro (6 euros).
En total serán máis de 1.000 quilos de carne cunha novidade, a salchicha vermella picante, todo eles co complemento do "único forno de leña de Pontevedra, o da Santiña," segundo sinala Víctor Fernández.
Dende o Pontevedra Rugby Club quixeron animar os pontevedreses a colaborar cunha festa na que Félix Álvarez, presidente da entidade, destaca "el ambiente familiar que se ha creado desde el primer año".